Familiares dos mariñeiros falecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo', no que morreron 21 dos 24 tripulantes, mantiveron esta sexta feira un encontro co secretario de Estado para a Axenda 2030, Enrique Santiago, ao que lle trasladaron a "necesidade imperiosa" de baixar ao barco afundido.
A portavoz das familias e filla do xefe de máquinas do buque, María José de Pazo, comunicou que tamén lle reprocharon "a falta de motivación" e "o carpetazo" que consideran trasladoulles o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns.
Ademais, de Pazo sinalou que na reunión, na que participou unha representación das 21 familias, tamén lle comentaron ao secretario de Estado que seguen á espera de ser recibidos polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Por outra banda, insistíronlle en que o Estado español "ten medios" para baixar ao barco, como buques Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía "que van a Terranova desde hai 34 anos".
Sobre este tema, as familias incidiron en que "priorizan a baixada ao pecio, mais nunca condicionada a recuperar corpos".
Por iso, pedíronlle a Enrique Santiago "todo o apoio" porque consideran que de baixar ao pecio "hai que facelo no verán". Neste sentido, a portavoz das familias asegurou que o secretario de Estado mostroulles "moita comprensión e empatía", así como "respecto pola desgraza".