As familias dos mariñeiros que perderon a vida no naufraxio do Vila de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá), avanzan na presentación formal das querelas criminais que xa anunciaran contra o patrón, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial, así contra a armadora, Grupo Nores, de Marín.
A portavoz dos afectados, María José de Pazo, ratificou que as primeiras querelas foron presentadas na pasada sexta feira e ao longo desta semana rexistraranse as que faltan, tendo en conta que, segundo explicou, hai familias que tiveron problemas cos poderes.
A acción xudicial xa a deran a coñecer o pasado sábado, tras a reunión que mantiveron co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
En concreto, avanzouse a comparecencia dun "gran bloque delas" perante a Audiencia Nacional cunha querela criminal contra o patrón do Pitanxo, o seu sobriño —dous dos sobreviventes—, e a armadora, por 21 presuntos delitos de homicidio por imprudencia, delitos graves contra a saúde dos traballadores, falsidade documental e encubrimento.
"Cremos na Xustiza, no que investiga a Garda Civil, en que se está a levar todo a cabo de forma rigorosa", destacou entón a portavoz.
Non en balde, argumentou que interpoñen a querela guiados por "expertos técnicos altamente cualificados" que "de forma altruísta colaboran" con eles e que conclúen "con unanimidade" que existe "responsabilidade criminal".
O vindeiro 6 de xuño a Audiencia tomará declaración aos tres sobreviventes —Padín, Rial e mais o mariñeiro Samuel Kwesi—, malia estar previsto inicialmente para esta mesma terza feira.
Porén, só Padín comparecerá como investigado, mentres tanto o seu sobriño como Kwesi farano só como testemuñas do acontecido.