Tras recibir unha orde de desafiuzamento, un home precipitouse esta quinta feira na cidade de Vigo desde un cuarto piso ao interior dun patio de luces. O edificio no que aconteceu o suceso está localizado na rúa Álvaro Cunqueiro, perto da Praza de Independencia.
Segundo informan fontes do operativo, a caída tivo lugar pouco antes das 12.20 horas cando o home recibiu a orde de desaloxar a súa vivenda despois de ser notificado previamente dun proceso de desafiuzamento.
A pesar de se atopar nun estado grave en base ás lesións que lle provocou a caída, o home estaba consciente cando foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde permanece ingresado con prognóstico reservado.
Ao lugar dos feitos acudiu a comisión xudicial encargada do desafiuzamento, así como os corpos da Policía Local, da Nacional, dos Bombeiros e dos servizos de emerxencia sanitaria.
Medidas urxentes
Esta mesma semana, Amnistía Internacional remitiu unha carta a Ana Ortiz, Delegada da Xunta da Galiza en Vigo, para pedirlle un plan de choque e medidas urxentes para garantir que ningún desafiuzamento deixe ningunha persoa na rúa, así como para garantir o acceso ao dereito á vivenda na cidade olívica, onde se está a producir, denuncian, "unha situación de emerxencia".
Segundo datos oficiais da oficina de notificacións e embargos dos xulgados de Vigo, entre 2022 e até marzo de 2024 houbo 762 demandas de desafiuzamentos (91 no primeiro trimestre de 2024), das que se executaron 756 (78 nos tres primeiros meses de 2024). En todo o Estado, de xaneiro a setembro de 2023 producíronse máis de 19.000 despexos, 14.344 por falta de pagamento de aluguer.