“Dexenerado”, “Oxalá te viole un magrebí”, “Maricón sen tetosterona”, “Retrasado e marica”.... Estes son só algúns dos insultos que recibiu estes días o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galiza, Xurxo Doval, após publicar un vídeo nas redes sociais onde celebraba que o presidente español, Pedro Sánchez, decidise non dimitir e que continuase á fronte do Goberno español.
O propio Doval, a través dun comunicado público, dá á coñecer estes ataques e agradece o apoio recibido ante eles. Contra estes insultos, indica o secretario xeral de XXSS, “reafirmeime nas palabras do presidente: “Claro que paga a pena seguir”.
Non estou ben. Noutras ocasións tivera sido máis doado pasar por alto a situación, pero desta vez non.
— Xurxo Doval Blanco🤍💙 (@xurxodb) April 30, 2024
Deixo este comunicado, seguramente con erros, pero o agobio e a fatiga téñenme bloqueado.
Grazas ás @XSGalicia e ao @PSdeG, por todo, sempre. Sodes a mellor familia♥️ pic.twitter.com/hyAI39XWHE
Foi entón, segundo Doval, “como me atopei con sorpresa como a vicesecretaria de Acción Social, a coordinadora xeral e o vicesecretario de Formación de Novas Xeracións (NNXX) da Galiza, que dándose por aludidos, non só non os condenaron [os insultos], senón que até se fixeron cómplices deles”.
No comunicado recoñece que non daba “creto ao que estaba a pasar”. Indica que os alertou do que estaba a pasar e as repostas foron foron que el era un “llorica” (choromiqueiro). “As NNXX, xente con nome e apelidos, a cara descuberta, estaban a ser cómplices da homofobia”.
“Que fixen eu? Estar feliz?”, pregúntase, ao tempo que recoñece estar “agobiado” e pide a Novas Xeracións “que condene a actitude, ataque e complicidade dos integrantes da súa dirección”.
Xurxo Doval agradece a súa familia e compañeiros o apoio, cariño e solidariedade amosada nestas horas e reitera que en política, como na vida, “non todo vale”, tampouco “denigrar colectivos sociais como é o LGTBI”.