Os patóxenos resistentes aos medicamentos causan arredor de cinco millóns de mortes ao ano, láiase a Organización Mundial da Saúde (OMS), que efectuou onte un chamamento a “todos os países para que reduzan a cantidade de refugallos antimicrobianos que verten ao medio ambiente”, un dos asuntos abordados na quinta Asemblea da Organización das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente, clausurada onte en Nairobi (Kenya).
No caso de que non consigamos “frear o aumento e a propagación da resistencia a estes medicamentos”, a OMS alerta de que “nos achegaremos rapidamente a un punto de inflexión no que os antimicrobianos precisos para tratar as infeccións no ser humano, animais e vexetais deixarán de ser eficaces”, “non actuar tería consecuencias desastrosas”, resolven.
Para tratar esta cuestión, en novembro de 2020 creouse o Grupo de liderado mundial sobre a resistencia aos antimicrobianos (medicamentos como antibióticos, antimicóticos ou antiparasitarios), no que participa a OMS xunta xefes de Estado, outros cargos públicos e dirixentes do sector privado e organizacións civís.
Esta agrupación, presidida por Mia Amor Mottley, primeira ministra de Barbados, e Sheikh Hasina, primeira ministra de Bangladesh, impulsou un acordo para que os Estados “promulguen e apliquen regulamentos e normas para supervisar e controlar mellor a distribución de antimicrobianos e organismos resistentes aos medicamentos e a súa vertedura”.
O primeiro paso, reclaman, é diminuír a cantidade de contaminación por antimicrobianos que acaba no medio ambiente, e para iso propón que as actuacións comecen no sector da fabricación de medicamentos, aplicando modificacións legais “para controlar e dar seguimento a esa contaminación”.
Paralelamente, poñen o foco na necesidade de “reducir ou eliminar o seu uso cando non se faga baixo a supervisión dun profesional da saúde cualificado”, unha medida enmarcada no sector sanitario.
Con respecto aos sistemas alimentarios, destaca a importancia de “aplicar normas para tratar e xestionar as verteduras das explotacións de animais dedicados á alimentación, as explotacións acuícolas e os campos de cultivo”.
Asemade as consecuencias directas para as persoas, a OMS sostén que a resistencia aos antimicrobianos será a primeira causa de morte no mundo até 2050, a entidade sanitaria indica que “o impacto nos sistemas de saúde locais e mundiais, nas economías, na seguridade alimentaria e nos sistemas alimentarios será devastador”.
Cambio climático
Este problema increméntase polo vencello co quecemento global, Amor Mottley ratificou que “os vínculos entre a resistencia aos antimicrobianos, a sanidade ambiental e a crise climática son cada vez máis evidentes”.
Na Galiza, as estatísticas de 2020 ofrecidas polo Grupo multidisciplinar para a abordaxe das resistencias antimicrobianas, creado polas farmacéuticas privadas, sitúa o seu uso en 2,03 doses diarias de antibióticos por cada 1.000 habitantes a nivel hospitalario, un consumo que os expertos cualifican de elevado.
Nese sentido, o Servizo Galego de Saúde centra a orixe da resistencia aos antimicrobianos no seu “uso pouco apropiado”.
As augas residuais espallan organismos resistentes
A OMS explica que os medicamentos antimicrobianos inoculados a humanos, animais e plantas entran no medio ambiente e nas correntes de auga por medio das augas residuais, refugallos ou filtracións, espallando organismos resistentes aos fármacos.
Isto provoca a propagación de superbacterias que resisten estes fármacos e que acaban por prexudicar outros organismos no medio ambiente.