O Consello da Cultura Galega organiza a vindeira segunda feira 20 de xuño a terceira edición da xornada de debate 'Pensar con orgullo', que este ano leva por título 'Corpos en rebeldía: aproximacións interdisciplinarias'.
"O corpo non é neutral. Habitamos corpos concretos que se interpretan como entidades pasivas nun sistema de relacións sociais". Con estas palabras presenta o Consello este evento, que decorrerá na súa sede en Compostela, e engade ao discurso que, con todo, "algunhas marcas corporais, como o sexo, a discapacidade ou a raza, producen fronteiras naturalizadas mediante a inscrición nos corpos a través da tecnificación lingüística e conceptual do discurso científico".
E ese é precisamente o foco no que se sitúa esta xornada, a fin de "tender pontes na sempre complexa relación entre o corpo, a sexualidade, o desexo e o sexo/xénero, desde unha proposta interdisciplinaria".
Quenda de mañá
A inauguración, contra as 10 horas, correrá a conta da presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, e mais a coordinadora do evento, Carme Adán, que darán paso, a partir das 10.30 horas, ao relatorio 'Ciencia e valores nas políticas do sexo como variábel biolóxica', da man de Marta I. González García (Universidade de Oviedo) e baixo a presentación de Carmen Fernández Morante (Universidade de Santiago de Compostela).
Posteriormente haberá media hora de debate, entre as 11.30 e as 12 horas, e a continuación Dau García Dauder (Universidad Rey Juan Carlos de Madrid) e Konstantinos Argyrou (Instituto de Filosofía; Consello Superior de Investigacións Científicas) falarán sobre 'Diálogos interdisciplinarios sobre as formas de conceptualizar a corporalidade', unha mesa que moderará Carme Adán.
Contra as 12.30 horas será a quenda de intervención na xornada de Enrique Latorre Ruiz (USC), e ás 13 horas falará María Juárez González (Universidad Complutense de Madrid). A sesión de mañá fechará, arredor das 13.30 horas, cunha visita á exposición 'Sen cancelas. Memorias do arco da vella na Galiza', no IES Rosalía de Castro.
Quenda de tarde
A xornada reiniciarase ás 16.30 horas co relatorio 'Reflexións sobre a identidade', moderado por Eulalia Pérez Sedeño (Consello Superior de Investigacións Científicas), e tamén intervirán neste evento do Consello da Cultura Jonathan Ospina-Betancurt (Universidad Europea), Maite Arraiza (Instituto de Filosofía; Consello Superior de Investigacións Científicas; Euskal Herriko Unibertsitatea) e mais Alexandre Garrido López (USC).
Finalmente, a partir das 18.30 horas será a quenda das conclusións da xornada e o fechamento da mesma.