Santiago de Compostela acolleu na mañá desta terza feira unha gran concentración ante o Parlamento da Galiza en defensa da sanidade pública. Múltiples plataformas, sindicatos e organizacións políticas congregáronse para reclamar melloras ao Goberno galego.
Ante a Cámara galega, unha multitude berrou consignas como “A sanidade que se ve é a do PP” ou “Sen persoal non hai sanidade”.
Entre as plataformas que alí se encontraban estaban SOS Saniadde Pública, Chantada Quere Sanidade ou A Plataforma en defensa da Sanidade do Val Miñor.
Outras mobilizacións
Esta mobilización dá continuidade ás realizadas en semanas anteriores en diferentes puntos do país. Unha caravana de vehículos percorreu o camiño desde a Fonsagrada até a cidade de Lugo exixindo melloras na Atención Primaria.
As mobilizacións súmanse á decorrida a no Carballiño a inicios do mes de decembro (comarca homónima), que xuntou máis de 3.200 persoas que reclamaron a restitución de dúas pediatras a xornada completa no centro de saúde da vila.
No marco desta reivindicación, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública do Carballiño recolleu máis de 3.000 sinaturas en dúas semanas, obtendo tamén o apoio da Corporación local.
Nunha situación similar atópanse os ambulatorios do Condado e da Paradanta. Segundo SOS Sanidade Pública, atópanse sen pediatra O Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Salvaterra, polo que as crianzas deben desprazarse até o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Na mesma comarca, unha soa pediatra debe atender as crianzas de Arbo, As Neves, A Caniza e Crecente, con até 15 días de agarda para as consultas pediátricas.