A Fiscalía Xeral do Estado solicitou á súa unidade especializada en medio ambiente "estudar" as denuncias sobre a vertedura de San Finx na ría de Muros e Noia. Un paso que este órgano do Poder Xudicial trasladou ao deputado Antón Gómez Reino en resposta a un escrito do parlamentario de Unidas Podemos no Congreso español.
Así pois, un novo organismo anuncia que vai pór a lupa sobre a autorización concedida pola Xunta para as verteduras desta mina de Lousame, comarca de Noia. A inicios de marzo a Confraría de Noia informaba que o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, órgano da ONU, analizará a finais deste mes analizará os "incumprimentos" da Xunta nas minas de San Finx e Varilongo.
Gómez Reino trasladou á Fiscalía as diversas denuncias presentadas por Ecoloxistas en Acción nos últimos anos e facíalle chegar a súa "preocupación" polo que considera unha "inhibición de funcións da Fiscalía de Medio Ambiente na Galiza".
Na súa resposta, a Fiscalía, que manifesta o seu "firme compromiso" coa defensa do Medio Ambiente, informou de que, tras a análise da información proporcionada e con agradecemento pola "sensibilidade demostrada na problemática subxacente aos feitos relatados", procedeuse ao traslado do escrito á unidade especializada da Fiscalía Xeral do Estado en materia de medio ambiente e urbanismo para que "proceda ao seu estudo".
Perigos
Un novo estudo da Confraría de Noia publicado a finais de febreiro alertaba de que o proxecto de verteduras de San Finx non garantía que non se contaminase a ría.
O Pósito solicitaba ao abeiro do mesmo unha medida cautelar urxente para impedir o inicio das verteduras.