Centos de persoas manifestáronse este 12 de agosto diante do Concello de Marín, ao tempo que decorría o pleno municipal no que se votou unha moción da plataforma, para denunciar os recortes na atención clínica en Seixo e exixir que se fagan “as contratacións de persoal necesarias no Centro de Saúde por parte da Xunta”.
A veciñanza foi convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, no que participan 18 colectivos e asociacións das parroquias marinenses de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo.
A entidade cualifica a situación do consultorio de Seixo de “moi grave”, e explica que pasaron de ter dous médicos no centro a un, “que se fai cargo da cota dos dous como pode”. Ben que as citas do facultativo presente “agardan de 2 a 4 días”, a poboación asignada ao outro estana citando para setembro desde comezos de agosto.
En dous días, o 15 de agosto, indica a plataforma que “só haberá catro horas de médico para unha cota e máis de 1.000 persoas quedarán sen nada. Isto é intolerable”. Esta situación está a xerar que persoas que precisan de medicación continua non teñan xeito de conseguir as receitas para acceder a ela, “as farmacias de Seixo e Ardán están moi preocupadas porque non saben como van dispensar sen receita a medicación que centos de pacientes precisan durante tantas semanas, especialmente dos tratamentos máis caros”, advirte a plataforma.
O centro urbano de Marín tamén sufre os recortes no eido da sanidade, láiase a entidade, que reclama que só fai falla ver “as longas colas para pedir unha cita”, nun centro de saúde no que “tampouco están contratando o persoal necesario para o funcionamento normal do Centro, nunha vila de case 25.000 habitantes”.
A xerencia e a Alcaldía lavan as mans
Malia intentar xuntarse co xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés do Sergas, escolleu “as datas de maior colapso da atención primaria para marchar de vacacións”.
No caso da directora asistencial que o substitúe, non aceptou recibir a plataforma antes de aplicar os recortes do 15 de agosto.
Tampouco María Ramallo, alcaldesa de Marín polo Partido Popular, está a apoiar as solicitudes da plataforma, presentando unha contra moción a última hora, “miraremos se escollen a veciñanza e a sanidade pública ou o seu partido e os recortes”, indica a entidade en defensa da sanidade.