Os servizos de emerxencias deron por controlado un incendio declarado na tarde do domingo nunha nave do punto limpo de Vigo, da empresa Toysal.
Os traballos continuarán ao longo desta segunda feira para apagar o fogo por completo.
Así de voluminosa e densa é a columna de fume do incendio do Punto Limpo no Caramuxo. Moita presenza de plásticos.
— Xabier P. Igrexas #VigoMáisAlá (@contradiscurso) September 17, 2023
O máis preocupante‼️ é que veñen de confirmarme que hoxe entre os dous parques de bombeiros da cidade só sumaban 15 efectivos, cando o mínimo (fixado polo… pic.twitter.com/dXrpxWuBN7
Segundo informa o 112 Galiza, tívose constancia do incendio sobre as 19.45 horas do domingo, cando numerosos particulares chamaban para avisar dunha importante nube de fume que saía do tellado das instalacións situadas en Camiño do Caramuxo.
Algúns dos alertantes, ademais, explicaban que o cheiro a fume podíase percibir desde unha gran distancia.
Os efectivos
Así, o 112 puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias-061, por se puidese haber persoas afectadas; dos bombeiros de Vigo, de Ribadumia e do Morrazo; dos GES de Mos e Val Miñor; da Policía Nacional e Local de Vigo; así como das autoridades ambientais da Xunta.
No punto colaboraron tamén medios do distrito forestal da zona e do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que desprazou ao lugar un camión cisterna.