Os colectivos Amil Sen Eólicos e o Colectivo do Vento denuncian unha “situación preocupante” a través dun vídeo en redes sociais: a realización de traballo non autorizado perto de petróglifos, nunha área previamente notificada a Patrimonio polas propias asociacións no monte Acibal, en Moraña (Comarca de Caldas).
🚨 ATENCIÓN!
— Amil SEN Eólicos (@AmilSenEolicos) January 18, 2024
Esta é a realidade AGORA MESMO no Polígono Eólico Acibal
Rematando a LAT coas obras do polígono paradas polo @TSXGalicia
Maquinaria pesada a 0m de petróglifos comunicados a @CulturaXunta hai meses sen obter resposta
Inseguridade Xurídica ou INMUNIDADE??#BASTAXA pic.twitter.com/9Rknp8HBPR
O vídeo “mostra claramente os traballos con maquinaria pesada ao redor de petróglifos e a construción de estruturas a tan só 20 metros de elementos patrimoniais, incumprindo a distancia de protección estabelecida de 200 metros para elementos deste tipo”, indican a través dun comunicado os colectivos.
Reclaman que a pesar de ter notificado a existencia destes petróglifos “hai máis de nove meses” e da paralización das obras no polígono eólico, os traballos nesta área “continuaron arreo durante a paralización cautelar decretada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)”.
Este feito é moi semellante, salientan, ao ocorrido nas obras da subestación do polígono, onde se traballou “en proximidade con petróglifos xa comunicados, resultando na destrución de varios sen constancia de prospección por parte da empresa ou de Patrimonio”.
Deter as obras
Os colectivos instan de maneira urxente ás autoridades competentes a deter inmediatamente as obras e levar a cabo unha investigación completa para determinar e sancionar as responsabilidades correspondentes polo acontecido.