A Consellaría de Política Social e Xuventude escusou nesta terza feira os recortes no gasto social e de atención á dependencia en 2021, afirmando que "un maior gasto" por cada usuario ou usuaria "non significa ter servizos máis eficientes".
A Xunta respondeu desta maneira a un informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, que sinala os recortes na atención á dependencia na Galiza.
En concreto, as cifras expostas polo colectivo apuntan que 11 autonomías, entre elas a galega, diminuíron o seu gasto na dependencia en 2021 con respecto a 2020.
No caso da Galiza, a variación negativa foi de -7,23%, só poe enriba da Rioxa (-7,34%), Castela e León (-7,45%) e as Illas Canarias (-24,56%).
Neste sentido, a Galiza, con 596 euros investidos por persoa potencialmente dependente ao ano, atópase á cola no conxunto do Estado español, superando só o gasto das Illas Canarias, que chega até os 543 euros.
No outro extremo atópanse Euskadi (2.310 euros), Extremadura (1.774 euros) e Navarra (1.500 euros). A media do Estado español é de 1.173 euros, máis do doble do que destina a Galiza.
En canto ao gasto medio por persoa beneficiaria, en 2021 a Galiza destinou 6.758 euros, sendo a terceira con menor gasto, por diante de Andalucía (6.653 euros) e Castela e León (6.599 euros).