Centos de persoas rexeitan a eólica mariña na Coruña: "Un golpe mortal para o sector pesqueiro"

O sector pesqueiro maniféstase ante a Delegación do Goberno do Estado español na Coruña: "Non queremos a eólica mariña porque vai ser unha desfeita".
Centos de persoas protestaron este sábado na Coruña contra o desenvolvemento da eólica mariña na Galiza (Foto: M. Dylan - Europa Press)
photo_camera Centos de persoas protestaron este sábado na Coruña contra o desenvolvemento da eólica mariña na Galiza (Foto: M. Dylan - Europa Press)

Centos de persoas manifestáronse este sábado na Coruña, fronte á Delegación do Goberno do Estado español, para demandar ao Executivo estatal que retire os Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM), que estabelecen uns 2.350 quilómetros cadrados na costa galega dos 5.000 permitidos, e que, aseguran, poden "acabar co sector pesqueiro máis puxante do Estado español e de Europa".

Á concentración, convocada pola Plataforma Eólica Así Non e pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, asistiron representantes dalgunhas das 200 entidades sociais do ámbito pesqueiro, ecoloxista e social, non só da Galiza, senón tamén de Asturies (tres dos posíbeis espazos estarían situados fronte á costa asturiana) e Portugal.

Nesta protesta tamén participaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e outras figuras da formación nacionalista como Ana Miranda, Francisco Jorquera ou Mercedes Queixas.

Ademais da retirada dos POEM, tal e como explicou o patrón maior de Burela e presidente da Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños, Basilio Otero, solicitan a dimisión da ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e unha reunión co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para exporlle a súa situación.

"Pedimos que nos deixen traballar, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) teña en conta que a pesca fixa poboación ademais de levar á mesa alimentos saudábeis", afirmou Otero, que apuntou ademais que buscan "tentar convencer" ao Goberno estatal de que baixen "da nube na que viven". "Non nos ven nin nos oen", lamentou, argumentando que o que desexan é "unha relación e un diálogo frutífero para todos".

A plataforma insta ademais a que se fagan os estudos de impacto ambiental pertinentes xa que, explican, non contan con ningún tipo de información respecto diso. "O que se ve nos POEM é só unha parte da fotografía. Hai un impacto que non se ve, como o do cable que leva a enerxía a terra, que non está debuxado. E aí tamén hai zonas de restrición onde non se pode pescar", explica Otero en base aos datos que, din, teñen dos parques instalados en Portugal.

Nos mesmos termos expresábase o patrón maior de Cedeira, Ricardo Villar, que aseguraba que "toda a información" que teñen é dos pescadores do país veciño, "que nos din que en toda a zona de ao redor dos eólicos non hai vida, non hai pesca".

"As enerxías renovábeis si, mais non desta forma, esnaquizando o litoral. Non queremos a eólica mariña porque vai ser unha desfeita para o sector da pesca artesanal e litoral, unhas artes que merecen protección xa que dan moitos postos de traballo. Non hai estudos de impacto ambiental, non hai ningún tipo de estudo do que pode pasar ou dos efectos secundarios que se poden dar", relatou o patrón maior de Cangas do Morrazo, Javier Costa.

Por outra parte, a plataforma estuda recorrer ante o Tribunal Supremo o Decreto, polo que traballan nun informe xurídico para estudar a súa viabilidade. "Este é o pistoletazo de saída na loita que imos emprender contra o Goberno do Estado español. Imos chegar até o final. Hai que estudar o tema xurídico porque hai flocos dos que se pode tirar. Isto supón un ataque ao noso modo de vida e a todo o ecosistema e non podemos quedarnos de brazos cruzados", alertou o mariñeiro asturiano e vicepresidente da plataforma, Adolfo García Méndez.

O BNG denuncia un “golpe mortal”

Pola súa parte, Ana Pontón expresou o apoio do BNG ás demandas dos manifestantes e xustificou a súa presenza na concentración para "dicir alto e claro que non se pode permitir que se destrúan miles de postos de traballo no mar, que unha das columnas vertebrais da economía galega como é o sector marisqueiro e pesqueiro se poña en risco única e exclusivamente polos intereses do lobby eléctrico".

"Vai supor un golpe mortal para a pesca", aseverou. Ademais, lembrou ademais algúns datos achegados pola Universidade de Santiago (USC) respecto ao peso económico do sector, sinalando que a pesca supón 2% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza, máis de 31.000 postos de traballo e que, se se ten en conta o conxunto do sector mar-industria, representa 5% do PIB, 12.000 millóns de facturación e máis de 64.000 empregos directos.

"Queren converter a Galiza nunha colonia enerxética de Madrid. A nosa costa non está en venda, non é un lugar onde as eléctricas poidan seguir facendo caixa. A intención do Gobierno estatal, coa complicidade da Xunta, é seguir beneficiando ás eléctricas sen importarlles que sexa un golpe mortal para a pesca. Pedimos que a Galiza sexa un lugar libre de eólica mariña", defendeu Pontón, que sinalou ademais que nos lugares onde xa se instalou "os resultados foron nefastos".

Comentarios