Detidos dous empresarios de Ferrol acusados dun delito contra os dereitos dos traballadores

Contrataban estranxeiros en situación irregular e facíanos traballar horas de máis, pagándolles por baixo do convenio

xulgado ferrol
photo_camera Xulgado de Ferrol (Foto: Alternativa pola xustiza)

Axentes da Policía detiveron en Ferrol un home e unha muller, responsábeis dunha empresa, pola presunta comisión dun delito contra os dereitos dos traballadores.

A operación realizouse a pasada semana, grazas á colaboración entre funcionarios do Ministerio de Traballo e de Economía, policías de Estranxeiría da Comisaría de Ferrol-Narón e a colaboración cidadá, que posibilitou a identificación desta empresa, que podería estar a se dedicar a contratar estranxeiros en situación irregular.

Así, durante o ano 2023 en varias inspeccións conxuntas coa Inspección de Traballo, identificouse na devandita empresa varios traballadores en situación irregular e sen dar de alta na Seguridade Social, traballando nunha nave da empresa situada en Narón (comarca de Ferrolterra).

Tras meses de xestións por parte dos funcionarios, púidose localizar outra nave destes empresarios situada noutra localidade, na que a maioría dos traballadores atopábanse en situación irregular.

Cinco dos traballadores detectados estaban a ser vítimas de explotación laboral, xa que non se respectaban moitos dos dereitos estabelecidos no convenio colectivo para o sector, excedendo a xornada laboral en polo menos 20 horas semanais, e percibindo unha contía económica moi inferior á legalmente establecida.

Ademais, os traballadores eran sancionados economicamente se non cumprían cos obxectivos ou ocorría algunha continxencia ou perda económica durante a súa xornada laboral.

Comentarios