Ultimato do Goberno español: aprobará a redución de xornada "con ou sen a patronal"

A reunión desta segunda feira en Madrid sobre a lei de redución da xornada laboral -na que participaron o Ministerio de Traballo e Economía Social, UXT, CCOO, CEOE e Cepyme- rematou sen acordo. A patronal non presentou ningunha proposta e desde o Goberno español fixan outra xuntanza, como definitiva, o 1 de xullo.
O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, e a directora xeral de Traballo, María González, durante a mesa de negociación para a redución da xornada laboral o pasado 17 de xuño de 2024 (Foto: Pedro Ruiz).
photo_camera O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, e a directora xeral de Traballo, María González, durante a mesa de negociación para a redución da xornada laboral o pasado 17 de xuño de 2024. (Foto: Pedro Ruiz).

Representantes do Ministerio de Traballo e Economía Social, dos sindicatos UXT, CCOO e das patronais CEOE e Cepyme reuníronse esta segunda feira para debater o contido do borrador do anteproxecto de lei sobre a redución da xornada máxima legal laboral, sen diminución salarial, até as 38,5 horas semanais en 2024 e até as 37,5 horas en 2025. No borrador, que os axentes sociais recibiron a pasada sexta feira, recóllese, ademais da diminución da xornada, unha reforma do rexistro horario coa intención de garantir que as empresas cumpren co tempo legal de traballo. 

Ao remate do encontro, o secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez-Rey, cualificou a reunión de "moi positiva cos sindicatos", mais coa patronal “hai máis escepticismo, porque non fixo ningunha proposta”. O propio Goberno español considerou a xuntanza como “unha mesa de diálogo social moi importante e decisiva nesta lexislatura", mais a representación empresarial non realizou suxestións tras seis meses de diálogo, segundo dixo esta segunda feira o secretario de Estado, que insistiu na idea de que o seu departamento “ten un compromiso co diálogo social, mais tamén cos cidadáns deste país”, polo que a redución de xornada “debe entrar antes de final deste ano e ir asentándose durante o 2025”. 

Neste sentido, avisou de que, en todo caso, “non permitiremos que esta mesa de diálogo sexa unha mesa dilatoria" e puxo como data límite para alcanzar un acordo o 1 de xullo. "Se non hai ningunha proposta alternativa da patronal, teremos que tomar unha decisión", sentenciou. 

Apoio de CCOO e UXT

Cando finalizou a xuntanza, tamén realizaron declaracións públicas os representantes sindicais de CCOO e UXT. Por parte do primeiro sindicato, compareceu a secretaria de Acción Sindical e responsábel de Emprego, Mari Cruz Vicente, quen afirmou que as organizacións empresariais "enumeraron" propostas, mais sen concretalas. "Se non hai acordo, estaremos co Goberno, apoiando esta medida de redución de xornada, que é necesaria adoptar canto antes, se é necesario, na rúa", asegurou.

Pola súa parte, o vicesecretario xeral de UXT, Fernando Luján, instou tamén as patronais a que despexen a "incógnita" de se están dispostas a negociar. "Esgotóusenos o tempo, pídolle que se pronuncien, que digan claramente cales son os seus obxectivos e que medios necesitan para chegar a eles", demandou. Sobre o borrador presentado polo Goberno español, ambos os dous sindicatos atopárono “positivo” aínda que non desbotaron “introducir algunha cuestión adicional”.

A CIG: 35 horas 

Desde a CIG, o seu secretario de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, recoñece "ter pouca información" do borrador que se negocia e considera, en declaracións a Nós Diario, que “a aplicación final non coincidirá con todo o que din”. Neste sentido, entende que cando se fala “de redución semanal”, ao facer “un cómputo anual”, o resultado será un número de horas que non contemplará redución ningunha “nos convenios colectivos de moitos sectores do Estado español”.

Pon como exemplo que, aínda que o Estatuto dos Traballadores asegure que cando se traballe unha xornada superior a seis horas haxa 15 minutos de descanso retribuído, “moitos convenios non contemplan ese tempo como efectivo de traballo”. Por ese motivo, afirma, “eses 15 minutos repartidos por todas as xornadas que se fan ao ano, dan un cómputo de horas moi elevado”. Desde a central nacionalista seguen apostando por unha xornada semanal de 35 horas.

“É do que se fala en Europa, mesmo nalgúns países xa se fixo efectivo”, asegura González Sío. “Cando aquí falan de 37,5 horas hai sectores que xa traballan as 35 horas por semana e non pasa nada”, agrega. Neste sentido, lembra que “a produtividade non ten nada que ver coas horas que traballas, senón con como as fas”. Neste debate, a CIG sinala que en países como Francia ou Alemaña trabállanse “200 horas de cómputo anual de media menos que no Estado español, case dous meses de traballo, po que implica que para o mesmo traballo empregan seis persoas e nós cinco”.  Esta circunstancia explicaría, segundo este sindicalista, “a taxa de paro tan elevada que temos”. 

Rexistro horario

Segundo o borrador, o Ministerio de Traballo quere implantar un rexistro horario dixital e multará con até 10.000 euros por persoa traballadora as empresas que incumpran a redución da xornada. Isto supón endurecer as sancións actuais por dúas vías: en primeiro lugar, porque se multará as empresas por cada traballadora ou traballador co que se incumpra as normas, e non de maneira global; e en segundo lugar, porque o importe das multas, tipificadas como infracción grave das empresas, serán máis cuantiosas, pasando dun máximo de 7.500 euros até 10.000 euros.

A CIG lembra que en 2018 o Goberno español implantou o sistema de rexistro horario "ante os avisos da Unión Europea neste sentido", mais deixaron a porta aberta a que se fixese "de moitas maneiras, sen figurar as horas extras, algo que levamos denunciando desde a CIG". E para a central nacionalista "é imprescindíbel o rexistro horario" se se queren reducir horas de traballo. Porén, González Sío alerta de que "aínda que o rexistro sexa dixital", non existen garantías de que non vaia ser modificado posteriormente.

O Fondo das Pensións conta con 7.022 millóns de euros, récord desde 2018

O Fondo de Reserva da Seguridade Social, coñecido como o 'peto das pensións', alcanzou o 31 de maio os 7.022 millóns de euros, o seu nivel máis alto desde 2018, segundo informou esta segunda feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Este fondo, que terminou 2023 con 5.578 millóns de euros, recibiu no que vai de ano achegas por un valor de 1.373 millóns de euros, grazas aos ingresos proporcionados polo Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI), que entrou en vigor en 2023.

De feito, o Fondo de Reserva nútrese, fundamentalmente, dos ingresos procedentes do MEI, unha cotización adicional que pagan o persoal traballador e as empresas, inxectando uns 300 millóns de euros cada mes neste ‘peto’. Segundo o Ministerio, a boa marcha do emprego, que fai crecer os ingresos por cotizacións a dous díxitos, permitirá superar os 9.000 millóns de euros que está previsto que ingrese o Fondo de Reserva este ano. 

Sobre as pensións, o Goberno español expúxolle esta segunda feira aos axentes sociais a posibilidade de que aqueles que demoren a xubilación voluntariamente, máis aló da idade legal ordinaria, poidan recibir os incentivos actuais cada seis meses a partir do segundo ano de demora, segundo fontes do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. En concreto, cando se acceda á pensión de xubilación por un período de demora superior a dous anos, se ese período de demora é superior a seis meses e inferior ao ano, ao incentivo que corresponda aplicar sumarase un complemento adicional de 2%.

Comentarios