Opinión

Ses

Unha boa amiga falárame hai un tempo de Ses, unha cantautora da Coruña que fai música en galego. Vira algunhas cousas súas enlatadas no youtube e sitios así. A pesar do limitado do formato, xa me deu para decatarme de que non se parecía a nada que tivese visto antes. É moito mellor.

Unha boa amiga falárame hai un tempo de Ses, unha cantautora da Coruña que fai música en galego. Vira algunhas cousas súas enlatadas no youtube e sitios así. A pesar do limitado do formato, xa me deu para decatarme de que non se parecía a nada que tivese visto antes.

É moito mellor.

E hai uns días, co gallo dos actos organizados polo concello de Vigo polo Día Internacional da Muller, non deixei pasar a oportunidade de vela en directo.

E só podo dicir que alucinei, emocionado, diante de tanto talento e lucidez.

"Domina a escea e os tempos do espectáculo, algo do que adoecen moitos dos que se poñen diante do público"

Pero hai que comezar por onde se debe: Ses é unha música dun enorme talento compositivo. A variedade completísima de rexistros así o deixa claro. Nos seus temas non só hai letras de denuncia e reivindicación. Ses é quen de emocionarnos con desgarradas baladas de desamor ou con tonadas adicadas á irmá que vén de nacer. Canta cunha afouteza e unha claridade que había tempo que non atopaba no que escoito por aí. E, ademais, Ses domina a escea e os tempos do espectáculo, algo do que adoecen moitos dos que se poñen diante do público. Ses improvisa, si. Pero porque o ten todo moi ben pensado.

Así que declaro sen complexos a miña felicidade pola existencia musical de Ses. Pola lucidez do seu discurso, por entregarnos cancións que nos revolven a conciencia ao nos lembrar o sufrimento das mulleres,a infelicidade dos cativos e cativas que falan galego e son considerados raros, o fracaso do sistema educativo, ou o exterminio das rapazas a partir de modelos estéticos que as levan a odiar o seu corpo e enfermar. Todo iso está nos acordes e na forza escénica dunha cantautora que está chamada a conquistarnos porque a calidade sempre trunfa.

E ademais, que quede escrito aquí, ten unha voz preciosa.

Comentarios