Opinión

Altri, Galiza e os Kwakiutl

Os Kwakiutl foron unha comunidade humana conformada por unhas 30 tribos, falante das linguas wakash, que ocupaban unha parte do espazo costeiro próximo á illa de Vancouver, que hoxe pertence ao Estado do Canadá. Habitaban un territorio rico en recursos mineiros (fundamentalmente ouro), pesqueiros e madeireiros. Esa riqueza xerou cobiza nos colonizadores. E a cobiza provocou espolio. Curioso. Precisamente a riqueza dese pobo foi factor de vida, mais tamén acabou sendo o seu gran problema e causa da súa destrución.

Porque moi cedo a Hudson’s Bay Company (non era Altri, mais podería selo) fixou as súas aspiracións na riqueza do territorio en que secularmente vivían os Kwakiutl (non era Galiza nin A Ulloa, mais poderían selo), e gozou do total apoio da monarquía británica (non era o Goberno español nin a UE, mais poderían selo) outorgándolle o monopolio do comercio en todo ese espazo xeográfico. A empresa iniciou contacto coas elites "indíxenas" (non eran a Xunta de Galiza nin o PP, mais poderían selo) para facilitar a súa entrada e comezar o saqueo. 

Prometéronlles progreso e desenvolvemento. E produciron 350 millóns de pés cúbicos da mellor madeira para transformala fóra. Derivaron a pesca para a industria conserveira foránea. Tamén se multiplicou o turismo. Mais en só 15 anos a súa poboación reduciuse nun 65%, consecuencia das doenzas, do alcol inducido e da emigración. Moitas mulleres kwakiutl foron introducidas na prostitución creada ao servizo dos europeos, e as autoridades canadianas declararon ilegais as súas institucións e perseguiron aos disidentes.

Todo legal, claro. O Parlamento canadiano decidiu tamén que os kwakiutl non poderían recibir ningunha compensación polas (súas) terras expropiadas. Chegaron a ilegalizar unha festa popular (o "potlach") por representar un desafío á lóxica capitalista. A celebración consistía nun banquete comunitario e na redistribución do excedente económico entre quen máis o precisaba dese pobo. Ilegal.
Mais houbo quen resistiu. Emociona o discurso do líder O'wax̱a̱laga̱lis (que non era nacionalista galego, mais podería selo) espetándolle a un ilustre estadounidense: 

"Acaso pedimos ao branco "Fai como fai o indio"? Non, non o facemos. Por que, entón, nos dis "Fai como fai o branco"? É unha lei estrita a que nos manda distribuír a nosa propiedade entre os nosos amigos e veciños. É unha boa lei. Deixa que o branco observe a súa lei; nós observaremos a nosa".

O pobo galego non é o pobo dos kwakiutl. E estamos no século XXI, non no XIX. Hai máis de 8.000 qms de distancia, e diferenzas económicas, sociais, culturais e históricas ben abondosas. Mais a lóxica capitalista da rapina, do espolio e da apropiación da riqueza a calquera costa desde grupos empresariais sen escrúpulos e gobernos ao seu servizo, está igualmente presente.

PD: O que resta do que foi o pobo Kwakiutl vive hoxe en reservas, e a súa lingua xa case desapareceu. Dedícanse á venda de souvenirs (non é o Camiño de Santiago, mais podería selo). Prometéranlles progreso.

Comentarios