Opinión

'1.000 diarios máis', por David Miranda

Estimada directora,

Quería compartir con vostede algunhas reflexións sobre a miña participación no movemento nacionalista galego. Desde moi pequeno na miña casa, adoitaba escoitar a frase: "Por que te involucras na política se todo son problemas?"   

Foi a miña paixón pola comunicación, en particular a comunicación política, a que me levou a tratar de facer escoitar a voz do pobo galego. Aportar o meu grao de area desde a miña especialidade: levo 13 anos traballando na comunicación.

Hai uns días, como parte do traballo do meu mestrado, realicei unha análise dos medios e puiden observar que estamos xa en plena campaña electoral na Galiza. A Xunta fai propaganda de todas as medidas sociais que ten previstas para 2024, e o Partido Popular xa está a construír o seu relato de cara ás eleccións galegas "ou nós ou o caos", "este partido ou esa coalición", "unidade versus división".

A ultradereita ten en España unha longa historia de tentar ridiculizar e deshumanizar calquera alternativa política e social, presentando unha imaxe distorsionada da rica pluralidade da nosa sociedade diversa. E do propio BNG. Enfrontarse a esta maquinaria mediática pode ser esgotador e, francamente, aterrador.

Mais penso que hoxe deberamos ser optimistas. Por primeira vez o pobo galego ten ferramentas como un diario propio que actúa de contrapoder. Nese sentido, parabéns polo traballo que facedes desde o xornal. Por 1.000 Nós Diario máis!

David Miranda (Vigo)

Comentarios