Opinión

'¿Qué es Chantada?', por Andrés Vázquez García

O pasado venres, El Periódico publicaba un artigo sobre o paso d’O Gran Camiño, unha volta ciclista internacional, por Chantada. O comezo é patético: “Chantada es un pequeño pueblo de la provincia de Lugo, poco más de 8.000 habitantes, […] donde no ocurren cosas que tengan un impacto mediático más allá de los límites del municipio”. Con todo, a esperanza provinciana volve a min cando descubro que dúas deidades (Jonas Vingegaard e Egan Bernal) viñeron sobre rodas rescatarnos desta irrelevancia.

Agora que o noso día especial rematou, os moradores de Chantada sumímonos de novo na nosa terra de “meigas, bruxas e curuxas”. Así a describía, co lúcido acerto do urbanita, un xornalista dun diario de tirada estatal en relación cos recentes comicios en que tivemos que decidir se subimos ou baixamos.

Con todo, o noso destino dános, tamén, certas ocasións de luz entre tanta néboa. Hai un par de semanas, a nosa veciña María Vázquez brillaba na gala dos Goya como nomeada pola súa interpretación dunha paisana mariñeira. Non só ao ciclismo, senón tamén ao cine temos que agradecerlle que nos faga gozar ao pobo de “pequeñas villas rurales”, mesmo cando a nosa rusticidade non nos fai merecentes de tal prebenda.

Finalmente, o evento tivo implicacións cartográficas, porque colocou “en el mapa” o lugar no mundo da nosa actriz e doutros (poucos) provincianos. Con iso, puxo fin aos nosos conflitos existenciais, pois por fin saberemos onde estamos e cara a onde imos; e, por se fose pouco, demostrou a actualidade do himno galego. Quen contaría!

Andrés Vázquez García (Chantada)

Comentarios