Opinión

Enxeño

Acontece sempre: cando a polarización se impón, o enxeño é un salvavidas. É esa bocalada de aire que nos permite saír da única narrativa posible entre dous discursos alporizados. A locución tranquila do mundo onde todo individuo ten opinión sobre cada acontecemento en doses de columna diaria, espazos de conversa ou ciclos de 280 caracteres por minuto.

A ocorrencia, o humor, a chispa son ferramentas ancestrais para o desenfado e a vía alternativa do pensamento libre. E o bálsamo para quen, como a que escribe, coitada, teima en fuxir das narrativas para articular cada semana algo que aporte a quen o lea, máis alá dun a favor-en contra.

Nestes días nos que só semella posible ser seareira do presidente do Goberno do Estado ou un hooligan empachado de fake news, non deixo de pensar na usuaria de X que escribiu "Señor namorado por favor regula o prezo dos alugueiros". Foi ese, e non as sisudas análises mediáticas nin as conversas partidistas na rúa, o antídoto da semana para curar dun discurso prometedor con palabras de amor –á muller e á democracia– que resultou nunha decepcionante xogada de marketing. Un presidente que vin cuberto, como amencen os principais xornais con cada vez máis frecuencia, coa envoltura dunha campaña publicitaria, e que no nome da democracia e o amor continúa sen regular o importante.

A min, unha desas menores de 35 que recibiron o SMS da Xunta no que se nos denegaba a axuda ao alugueiro por falta de crédito, conmóveme (e é certo) que Pedro Sánchez estea profundamente namorado da súa muller, mais non tanto como a determinación de intervir a vivenda e a valentía de poñer obstáculos a quen especula con ela. Como non creo que ambas cousas sexan excluíntes, non vexo motivo para que deixemos de expresar decepción co presidente do Goberno.

Por moito que nos espante a alternativa, a crítica é reparadora. Non deberiamos ter que nos lembrar que a protesta é o máis compatible que existe coa defensa dos dereitos da xente e a democracia, co propio dereito da clase política a vivir sen inxerencias sucias e persoais e, por riba de todo, co dereito a vivir dignamente, nunha casa, cun traballo, nunha contorna. Por todo iso eu agárrome ao enxeño. É demasiado tentador fuxir dunha narrativa polarizada na que todas as persoas saímos perdendo. Non debería haber nun chío máis proximidade que no debate público e as palabras de amor.

Comentarios