Opinión

Don Capitón

[Xoán Costa]

Se Sánchez, Feixoo ou Rueda lesen Manuel María saberían de Don Capitón. Del e dos días que botou a cavilar sobre como desecar o Regato do Cepelo. 

Sánchez precisou cinco días para verificar que, mesmo desde a Moncloa,  o mundo é redondo e que, malia tanto cavilar, cando saíu do tobo en que se metera estaba no mesmo punto de partida. Por iso dixo aquilo de “decidín seguir”. Seguir malia non se ter movido nada. Só fora un capitón.

Feixoo, en 2018, pasou tres días cismando na idea de ser presidente do PP. Finalmente optou por continuar a facer viravoltas sobre as redondeces da cidade da cultura e non sobre os puntiagudos predios ideolóxicos de Madrid. Outro capitón. A Rueda bastoulle un día para nomear un goberno sen máis medidas que as propostas polas multinacionais. A el dálle igual que o mundo sexa plano ou redondo. O importante é a rota a seguir. Sabe que a que Feixoo abriu na Galiza, e que el propio desbravou durante anos, ten aínda moito por aproveitar e agora el é o guía que -como a Don Capitón- ninguén debe cuestionar. Desfaise da herdanza feixoniana nos nomes, non nas políticas. Sen pinchacarneiros, que sempre poden magoarte. Mellor a cambadela. É máis eficaz e permite berrar con Don Capitón: Vivan os mandamais! 

PS. Onde di Regato do Cepelo tamén pode dicer Río Ulla ou calquera outro.

Comentarios