Opinión

Ensino

[María Obelleiro]

Facémonos eco dos datos publicados recentemente polo Ministerio de Educación que revelan que Galiza é a comunidade autónoma que menos incrementou o investimento público en materia de educación. A media do incremento das autonomías situouse no 5,7% mentres que na Galiza os fondos destinados ao ensino aumentaron só o 1,4%. Un desfase que demostra a falta de compromiso político do Goberno galego en educación. De feito, no seu discurso de investidura, o presidente, Alfonso Rueda, apenas se detivo na materia e limitouse a anunciar que na estrutura do seu Executivo as competencias sobre investigación científica, que até o de agora recaían na Consellaría de Economía, pasarán a facer parte da Consellaría de Educación. Por certo, o investimento dedicado a promover a I+D+i polo Goberno galego é tamén dos máis baixos do Estado.

O esforzo non pode recaer só nas traballadoras e traballadores do ensino público, que son a pedra angular deste servizo. É necesario reforzar o investimento en educación tendo en conta que se trata dun factor esencial para a transformación, o progreso e o futuro da Galiza, así como un piar básico para sentar as bases dunha sociedade máis inclusiva. E tamén é necesaria a súa galeguización, é dicir, camiñar cara a un sistema educativo inserido na realidade socioeconómica galega e co centro na lingua propia.

Comentarios