Opinión

No mar tamén hai clases

[María Obelleiro]

O Goberno español informou onte ás familias dos desaparecidos no naufraxio do Vila de Pitanxo que “non é posíbel” o rescate dos corpos. Asegurou que era “inviábel” recuperar os restos e que non ían levar a termo ningunha alternativa, nin sequera acceder ao barco cun robot non tripulado. Un anuncio que se vía vir desde os días posteriores ao accidente, decorrido o 15 de febreiro, após a falta de interese percibida por parte do Executivo estatal, que é quen posúe as competencias.

A cuestión económica rexe a decisión do Goberno de Pedro Sánchez, contra quen cargaron onte as familias. “Se en vez de meu pai fose Felipe VI, que estaría pasando agora mesmo?”, preguntouse un dos afectados. Non vai desencamiñado. Se en vez de ser mariñeiros fosen militares, actuaríase da mesma maneira? No mar tamén hai clases. E os Gobernos teñen prioridades.

Coñecemos que non se intentará a busca dos desaparecidos no mesmo día en que o presidente do Executivo español expresou que “nos próximos días” enviará máis “material defensivo e ofensivo” -léase armamento- a Ucraína. Vaia, que para a guerra hai diñeiro, mais non para tratar de buscar os cadáveres duns traballadores.

Comentarios