Opinión

Volver empezar

[Alberte Mera]

Achegada de setembro marca a fin das vacacións e a volta ás aulas e á actividade diaria. E, tristemente, volta outra vez o ensino ser protagonista, non polos reencontros nas aulas e a posta en marcha de innovacións didácticas, que o profesorado da Galiza aplica estando sempre á vangarda, senón polos recortes en educación. Forzas sindicais do profesorado, ANPA e entidades estudantís e políticas están a denunciar "a tesoira" en educación nun curso que comezará con máis dun cento de profesoras e profesores menos e máis de 50 aulas fechadas, así como coa redución de profesorado interino neste curso en máis de 1.000.

A comunidade educativa do IES Punta Candieira de Cedeira foi das primeiras en saír á rúa esta semana. Este xornal fíxose eco da súa denuncia: "Educación elimina as clases de apoio, as aulas de convivencia, o bacharelato de adultos e, coa suba da ratio, haberá 40 crianzas por grupo". Seguiu Gondomar a onda mobilizadora. No IES Auga da Laxe afrontan o curso 2022-2023 cun profesor menos que o ano pasado, un recorte que se suma aos tres docentes que xa se reduciran no curso anterior e que sitúa o instituto con catro profesores menos que antes da pandemia. Hoxe a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fará chegar a Educación a protesta contra os recortes. Atendan a comunidade educativa, o ensino é decisivo para o futuro dun país.

Comentarios