Opinión

O baile dos toxos

A través da web haifoliada.gal ("a axenda cultural do mundo tradi para cando teñamos gana de bailar") souben que este sábado foi o baile dos toxos en Vilamor 
do Courel. O fenómeno contemporáneo das foliadas garda certas semellanzas co que foron as raves nos anos 90: case sempre por baixo do radar da industria cultural, centos de persoas foxen da rutina cada fin de semana e cítanse en lugares perdidos ou recuperados para gañaren un espazo de liberdade e comunidade mediante o baile. Por iso a ninguén debería estrañar a actual confluencia entre a música tradicional e a electrónica.

Contan as vellas de Vilamor –novas poucas deben quedar– que cando chegaba a festa de San Vicente, o día 22 de xaneiro, era tanta a neve acumulada que moitas veces non se podían alindar as vacas nos prados durante quince ou vinte días. Pero máis forte que o frío era a gana de bailar e por iso estraban as cortes de toxo, que trituraban os zocos danzantes ao ritmo do esparaván e da carballesa.

Ese mesmo toxo do dancefloor, máis ou menos fermentado con excremento, habería logo de servir como fertilizante orgánico para restaurar o nivel de nutrientes do solo. Un exemplo de optimización dos condicionantes climáticos, a gana de bailar e os recursos naturais.

O baile dos toxos deixou de facerse na década de 1970 e recuperouse xa neste século, en dúas tentativas diferentes: a primeira, a principios da pasada década e a segunda en 2019, resistindo as dificultades do éxodo rural, da pandemia mundial e tamén as dos incendios. O ano pasado, a veciñanza de Vilamor tivo que ir pedir os toxos á aldea da Pendella porque o seu monte ardeu. Pero fíxose.

O baile xa non se fai dentro das cortes, senón nun eirado exterior e baixo unha carpa. O novo escenario responde á nova realidade material e tamén climática. Xa non caen as nevaradas de antes no Courel e pódese bailar fóra, co combustíbel de "polbo e churrasco" anunciado no cartaz.

A festa é memoria e tamén fito consciente das mudanzas que vivimos. Como un deus antigo, un ollo observa as neves do pasado e o outro enxerga un futuro no cal recuperemos a conciencia da natureza que nos rodea, dos seus ciclos anuais e de nós mesmos como parte dela.

Comentarios