Opinión

Mulleres na ciencia do futuro

Parece claro que a IA vai supoñer un cambio de paradigma en moitos empregos e posiblemente en como manexamos a información os seres humanos. Non hai moito chegoume unha radiografía xa informada por intelixencia artificial e deume certa vertixe porque cobrei consciencia do rápido que vai ser a súa implantación. Ademais dos temas relacionados co emprego que sempre se comentan, xa hai voces prevendo outra dificultade relacionada con esta tecnoloxía: só unha pequena porcentaxe de programadoras son mulleres. Isto introduce un nesgo moi importante e perigoso na maneira na que se "educa" e programan as intelixencias. Hai múltiples exemplos de como a socialización das persoas difire moito dependendo do xénero e isto constrúe visións do mundo moi diferentes tamén.

Os homes tenden a non ter en conta aspectos relacionados coa infancia, os coidados, as persoas maiores e a saúde feminina, por poñer só os exemplos máis evidentes. Por outra banda, tenden a sobrerrepresentar contidos relacionados coa violencia. Isto obviamente non depende de que os nosos cerebros funcionen diferente, senón de que aínda cumprimos diferentes roles sociais, por moito que se avanzase tamén nese aspecto. 

As intelixencias artificiais "aprenden" mediante os contidos e exemplos que se lles subministran. Quen decide cales son eses contidos supoñen un segmento moi pequeno e moi homoxéneo da sociedade. Que só homes programen IA implica que os temas que afectan fundamentalmente ás mulleres quedarán infrarrepresentados e que a propia tecnoloxía se aplicará menos a estes eidos. Vémolo acotío coa biomedicina, a arquitectura ou o urbanismo, áreas nas que só cando se introducen as mulleres se empeza a ter en conta as necesidades da inmensa maioría da poboación, que non son varóns nas idades centrais da vida, senón crianzas, persoas idosas, con problemas de mobilidade, etc.

Como cada vez que xorde un eido no que parece que pode haber rédito económico e bos empregos, as mulleres fican excluídas. Cando a programación pasou de ser un traballo complexo e aburrido a ser un motor económico, as mulleres foron relegadas. O mesmo pasou coas carreiras de informática, nas que a porcentaxe de mulleres era moi superior no século XX con respecto á actualidade. Se agora permitimos como sociedade que aconteza o mesmo coa IA, perdemos a oportunidade de construír un futuro máis xusto, máis igualitario e sobre todo máis inclusivo.

Comentarios