Opinión

Ser bi

Neste mes do Orgullo LGBTIQA+ visibilízase de xeito especial a bisexualidade, unha orientación que se move nunha perigosa dualidade. Por unha banda, existe a idea de que a discriminación contra as persoas bisexuais é menor que cara a outras persoas do colectivo, xa que se percibe que "poden escoller" e manter relacións de parella con xente do xénero oposto que socialmente serán percibidas como heterosexuais. Por outra, ás veces a discriminación pode vir incluso dende os propios círculos LGBTIQA+, onde con frecuencia se lles considera membros "de segunda" ou incluso intrusas.

Unha persoa é bisexual porque sente atracción cara a persoas de calquera xénero, e non deixa de selo por manter unha relación con alguén do xénero oposto. Tampouco por non manter relacións durante unha época da súa vida con alguén do seu propio xénero significa que a súa orientación cambie e se transforme en heterosexual. A sexualidade é unha característica fluída, cambiante ao longo da vida da persoa e que pode verse afectada por multitude de factores psicosociais e ambientais. Unha persoa pode identificarse dunha maneira e que isto cambie no futuro, pero non dependerá da relación afectivo-sexual que manteña nese intre concreto.

As persoas que se identifican como bisexuais padecen unha peor saúde xeral que o resto da poboación, e isto está relacionado coas discriminacións que sofren, se ben o mecanismo concreto non fica claro. Os grupos minorizados comparten esta característica, polo que cabe pensar que a discriminación cara quen representa o B de LGBTIQA+ non debe de ser menor que cara ás outras orientacións. De feito, a saúde das bisexuais é peor que a de gays e lesbianas, unha vez illados outros factores. Lonxe dos estereotipos que describen a este grupo como máis promiscuo, branco de menor discriminación e nas marxes do colectivo, o certo é que a discriminación que padecen comparte moitas características coa que sofren gays e lesbianas, e pode cobrar outras formas máis específicas, como a fetichización e hipersexualización, sobre todo das mulleres bisexuais. Non supoñer a orientación heterosexual de ninguén por defecto e desvincular esta das relacións afectivas que manteñamos sería un avance para facilitar unha visibilización igual de necesaria e moito menos próxima.

Comentarios