Opinión

A auto-organización a nivel nacional é fundamental

Na súa toma de posesión como presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda reivindicou con todo o cinismo do mundo que o proxecto do PP é o “estilo Galicia”, o que xustificaría os bos resultados nas eleccións, xa que serían unha proba da identificación entre o pobo galego e a dereita españolista. Obvia que o censo electoral é de 2.245 mil persoas (excluíndo o voto externo) e que obtivo un respaldo do 32,07%. Vale, non hai dúbidas, o PP foi o partido máis votado entre as persoas que o fixeron, obtivo a maioría dos deputados/as, mais iso non implica que ten o respaldo de todo o pobo galego. Unha parte votou por outros partidos e moitos/as abstivéronse. En poucas palabras, en cada tema a Xunta debe gañar as votacións no Parlamento, algo que ten garantido, porén tamén o debate social, e isto non está revalidado máis que parcialmente e depende de cada cuestión, aínda que pretenda ignoralo.

Segundo os medios o “estilo Galicia” de Alfonso Rueda basease: “na moderación política, fuxir dos extremismos, alentar a estabilidade e reclamar o que se necesita, mais sempre respectando as regras de xogo e o marco autonómico e constitucional”. Ou sexa, trátase da liña histórica do PP que se foi perfeccionando nas últimas décadas, para xestionar un país cun papel subalterno. Mais non se pode negar que gañou a gran maioría das eleccións autonómicas, outra cuestión son as municipais, xa que a oposición goberna hoxe sobre a maioría da povoación, especialmente nas cidades e grandes vilas. Está diverxencia no voto obedece a que os medios de comunicación sistémicos teñen unha menor incidencia na formación da opinión a nivel local, xa que os partidos e súas candidaturas teñen unha relación máis directa cos/coas votantes? Como xoga a abstención en cada caso?... Segundo algunhas enquisas non participan especialmente a mocidade e os estratos máis precarizados da sociedade, é un tema que se debe ter en consideración nunha fronte política nacionalista e de esquerdas.

Para unha forza que propón transformacións sistémicas, como é o caso do BNG, aínda que non sempre o faga coa mesma énfase ou se artelle no relato do xeito máis acaído, é esencial poñer en primeiro plano as propostas concretas da conxuntura, mais ligadas sempre co marco e as reivindicacións estratéxicas, a medio e longo prazo. Isto é fundamental, porque coa unidade do concreto e do xeral, sobre a súa construción cotiá  (debate interno e externo, medios propios de comunicación, artigos,...), cómpre formar o relato social e a conciencia política transformadora. Un avance da conciencia que a mobilización e a presencia institucional fortalece, especialmente cando se pode revalidar gañando a batalla á patronal e seus intermediarios nas institucións, ou poñéndoas en práctica en áreas de goberno exercidas polo nacionalismo. Esta é a folla de ruta dun proxecto político de masas, de militancia activa e con iniciativa, é dicir, participativa e protagonista, para que cumpra o papel histórico transformador para o que naceu. Ou sexa, primando a voz coral, para confrontar con éxito coas vellas e fortes estruturas do poder económico (con este obxectivo, ademais do programático, naceron as organizacións de masas que creou a UPG).

Trátase de conquistar un poder que exercen as clases dominantes, o gran capital. Exérceno tanto mediante os partidos da dereita como do progresismo sistémico; contando ademais coa súa hexemonía no ámbito cultural, das comunicacións, da formación da conciencia en todos os aspectos. Mesmo é así malia a aparente diversidade de medios seica máis plurais e diversos (como internet...). Unha realidade que deixa en evidencia o auxe das ideas da estrema dereita e centralistas, que alentan a desigualdade, a violencia, a fragmentación e individualización das relacións sociais...  A auto-organización participativa das clases populares é un instrumento fundamental para conquistar a liberación nacional, a igualdade, a xustiza social, a protección da natureza, a paz,...  e, sobre todo, para que os avances se consoliden e multipliquen, e os retrocesos sexan menores e a recuperación máis rápida.

Comentarios