Opinión

A proba do algodón en Andalucía

Sen dúbida ningunha, Podemos terá nas vindeiras eleccións a súa “proba do algodón”, cando deba decidir se evita ou non que os conservadores podan governar en moitos concellos e autonomías. 

Sen dúbida ningunha, Podemos terá nas vindeiras eleccións a súa “proba do algodón”, cando deba decidir se evita ou non que os conservadores podan governar en moitos concellos e autonomías. Esta será unha situación especialmente comprometida para esta forza, que fai un discurso contra as políticas neoliberais, aínda que no programático xogue coa maior das ambigüidades, deixando caer segundo o momento propostas parciais que engaiolan o electorado. Semella que na práctica, o partido do círculo considera que todas as demais forzas políticas con representación institucional son parte da casta, ignorando que algunhas teñen detrás décadas de loita  contra o sistema capitalista. Esta é unha actitude que lle dá ao nacemento de Podemos un carácter mesiánico. Máis doado teno Ciudadanos diante da súa (posíbel) base electoral, xa que está moi próximo ideoloxicamente do PP, malia que rexeite alianzas no proceso pre-electoral para evitar así verse connotados como avalistas da corrupción; mesmo así podería chegar a acordos co PSOE.

"Non sería estraño que o PSOE pactase con Ciudadanos, mais con seguridade vai tirar proveito de realizar esta proposta en primeiro lugar a Podemos".

A primeira destas probas para ambos os partidos será a elección dos deputados/as autonómicos en Andalucía, onde o PSOE será o partido mais votado segundo as enquisas, sen acadar porén a maioría. Podemos e Ciudadanos seica se situarían como terceira e cuarta forza. Non é un escenario sinxelo para o partido do círculo, porque terá que decidir se apoia ou non ao PSOE para governar a “Junta”, e no caso de non facelo unha coalición do PP e Ciudadanos poderíase facer co poder. Sei que non sería estraño que o PSOE pactase con Ciudadanos, mais con seguridade vai tirar proveito de realizar esta proposta en primeiro lugar a Podemos. Deste modo pode alentar as  contradicións internas desta forza e deixaría ao descuberto as distintas sensibilidades do electorado, parte do cal necesitan recuperar os socialdemócratas.

Ter que tomar decisións prácticas, alén do discurso triunfalista e salvador, afectará moito a Podemos porque se trata dun partido construído sobre o cabreo dunha parte do electorado dos dous partidos sistémicos e daqueles que votando Esquerda Unida viron nesta nova alternativa un atallo á loita contra a corrupción e as políticas de austericidio. Tampouco se pode ignorar que Podemos ten unha enorme dependencia dos medios de comunicación. Polo tanto, en ambos aspectos, mesmo  acadando Podemos un medre envexábel, ten fortes servidumes e eivas, que por mellores que sexan os seus resultados a converten nunha forza fráxil diante das posíbeis alianzas en Andalucía, e de seguido en relación co escenario que se abra en futuros procesos eleitorais.

"Coidan que un escenario con catro forzas estatais, dividíndose o espazo político, é unha resposta máis funcional neste intre que un bipartidismo queimado".

Como resolva Podemos (e en menor medida Ciudadanos) esta situación vai ter incidencia nas vindeiras eleicións autonómicas e municipais, e con seguridade será decisivo para as xerais de finais de ano. Verase obrigado a facer propostas concretas, tanto sobre a folla de ruta, como sobre os obxectivos económicos e sociais para esta lexislatura, xa non poderá axustar o discurso ao momento e ao estado de ánimo da xente, e usar como un mérito súa virxinidade política. Polo tanto, todo apunta a que as eleccións andaluzas marcarán a súa máxima porcentaxe en incidencia de voto, se non é que xa está nunha tendencia descendente, como marcan algunhas enquisas.

Sen dúbida hai medios de comunicación (e polo tanto sectores das clases dominantes) que coidan que un escenario con catro forzas estatais, dividíndose o espazo político, é unha resposta máis funcional neste intre que un bipartidismo queimado. Por unha banda, isto permítelles reducir a pluralidade política a partidos de ámbito estatal, sen que resulte evidente, e excluír o nacionalismo da información sobre as alternativas políticas. Isto foi o que pasou no último debate do “estado da nación”. Asemade esta fragmentación do voto fai os partidos sistémicos máis dependentes das clases dominantes (a través dos medios de comunicación hexemónicos).

Asemade, Podemos amosouse un instrumento máis eficaz para confrontar liña co nacionalismo de esquerda e outras forzas antisistémicas.  Atraeu sectores que simpatizaban co nacionalismo na Galiza, mais tamén en Euskadi e Catalunya, aínda que no fundamental os seus votantes teñen orixe no PSOE, IU, AGE, PP, ou na abstención. Agora ben, mesmo manténdose o alento de certos medios a Podemos e Ciudadanos, estes perderán moita da súa eficacia cando as súas propostas e actuacións deixen o campo teórico para ter que se plasmar na práctica política. Máxime cando Syriza, unha forza que fai propostas semellantes, deixou en evidencia os seus límites no primeiro invite coa Comisión Europea. Neste aspecto, o adianto das eleicións andaluzas acelera o proceso de clarificación política. En calquera caso, sendo isto positivo, non implica que o nacionalismo galego non deba superar eivas propias e atrancos alleos.

http://manuelmera.blogaliza.org/