Opinión

Tribo

Tribo é unha fermosa palabra acompañada da música e da alegría d'A Banda da Loba, se fuximos da súa orixe no dicionario e a deixamos sen xefe, se as devanceiras que nos unen teñen máis que ver coas lavandeiras, coa sororidade coa que se lavan os problemas e se limpan para lles buscar a solución e, se hai que cantar, tamén se canta no lavadoiro ou cando a roupa se pon ao clareo. Tribo coas mans no xabón de pintas portugués ou no xabón lagarto ou na cinza que serve para volver a roupa branca inmaculada noutras latitudes ou con outras destrezas para se ocupar da comunidade e lavarlle a fome, o cansazo e o traballo diario.

Tribo para transmitir lingua para nomear o mundo e cancións e música para bailalo. Tribo contra a cobiza, na defensa da Ulloa, do Ulla e da ría de Arousa. Tribo no aproveitamento sostíbel do monte, contra as minas que nos aburacan raíces. Tribo polo mundo berrando contra o xenocidio en Palestina. Tribo para boicotear o Festival de Eurovisión, porque tamén hai moi mala música, cancións que, aínda que o intenten, non enxordecen a vergoña de Europa, unha vez máis. Que desalento, querida LV, Israel cantando, como líder, nesa outra tribo cómplice deste holocausto. Parte do mundo aplaude. 

Falo da palabra tribo, monte comunal, materia de Alexandre Bóveda, esa que nos une a ti, LV. Lémbrote moitas veces recitando o terceiro movemento, Scherzo, "As aves" do "Poema cíclico para piano e cuarteto de corda"; vexo a túa imaxe, as túas mans movéndose como aves, ti como ave, trasladándonos a súa mensaxe: "Nós ao rou-rou reencontrándo-nos sós". E nós reencontrámoste, reencontrámonos contigo e somos tribo.

Xa está na rúa a reedición do Libro das colunas (editorial Galaxia), para revivirmos os dous últimos anos da túa vida como cidadá, contestando o que che/nos tocaba vivir daquela. Pódese ler Escribir para quen. Relecturas posíbeis, da Universidade de Santiago, coordinado por M. Pena Presas e M. X. Nogueira Pereira, en que as colaboracións de D. Vilavedra, I. López Silva ou de R. Rodríguez Vega, se unen as de quen formou parte do teu alumnado: Carolina e Adolfo Doldán Salinas, dous testemuños que nos achegan o teu lado de ensinante, a vocación para formar conciencia crítica.

Fermoso é reencontrarse coa lectura nas aulas d'As chaves do tempo, esa obra contada por Silencio, para quen aínda non estaba nin no ventre da súa nai; é unha delicia esa obra, como diría Aríns, un encontro feliz coa Editorial Cuarto de Inverno e entre a ilustradora Zaira Barcia e mais ti.

Fermoso é achegar a túa poesía á aula e convertela en canción, xeneroso é que nos agasallen material didáctico para traballarmos co alumnado, como fixo A Banda da Loba, que estudou, musicou e cantou os teus poemas: "Fiestras abertas", que abría o disco Xabón lagarta; "Cruel Filosofía" co que nos convidou a celebrar o último Día da Poesía, baseado no libro As palabras ingrávidas, os teus apuntamentos poéticos no almanaque da casa portuguesa Assirio & Alvim, e o soneto de Música reservada que comeza, "Tinta do mar, escrebo, cando toca", que se converte na canción "E o mar". Traca final, sinala A Banda da Loba, desta homenaxe. Penso que non puideron elixir mellor, rematar con ese compromiso, coa túa palabra ao servizo da tribo que somos, onde están a Morgana do teu poema e a loba desta banda. Felices reencontros, contigo.

Comentarios