Opinión

Graves preocupacións

Ultimamente tenme atónita a grave preocupación que afecta a xentes tan diversas coma calquera cayetano chacarita madrileño que vive do conto e dos impostos que pagamos todas as persoas (as catalás incluídas) coma a sisudos xornalistas e figuras televisivas megalómanas que intoxican os medios día e noite como a, sen ir máis lonxe, un señor xubilado que viva en, por dicir un sitio, Becerreá e que, no canto de usar o seu tempo libre para ler ou informarse de forma complexa, difunde vídeo tras vídeo de ignominia por internet sobre A AMNISTÍA.

E xa non sei se estou máis atónita ou aterrada cando vexo a xente tan preocupada pola famosa Amnistía que porque haxa dous partidos, o PP e Vox, que actúan constantemente contra as institucións democráticas en canto as ocupan: o PP, roubando, prevaricando, recortando e Vox, a maiores, reforzando un discurso que atenta contra os dereitos humanos básicos fundamentais de todas as persoas, mais sobranceiramente das mulleres, das persoas migrantes e racializadas e LGBTIQ+, das falantes de linguas oficiais... detalliños que se supón que son a base da Constitución, esa que só mencionan para o que lles interesa. Estes dous partidos actúan de xeito constante e vergoñento contra a gobernabilidade, os dereitos humanos básicos e chaman, rememoran e celebran un golpe de Estado que acabou con millóns de vidas e coa VIDA en todo un Estado. Aí nada. Porque, claro, non hai cousas abondas polas que preocuparse: a degradación ambiental que pasa a carón dos teus morros, a violencia de xénero que inflixe o teu veciño, o acoso sexual a traballadoras migrantes que pasa no teu fogar, os abusos sexuais a menores do cura da túa parroquia, a desmantelamento do Sergas que fai que te teñas que operar na privada, a falla de emprego para a xente moza porque hai CERO servizos no rural, que ao teu fillo lle leve un día enteiro chegar a onde ti vives por prevaricacións da Xunta e Monbús... Non sei, a lista é demasiado longa para o espazo desta columna.

Así, se a Amnistía para os presos cataláns (que inclúen, por certo, non só a Puigdemont senón a todas as persoas imputadas, incluídas o bedel que abriu unha escola ou a muller que fixo unha urna con toda a súa alegría), se que Pedro-Sánchez-a-caricatura chegue á presidencia che preocupa máis ca ningunha das cousas anteriores, entón se cadra quen debería preocuparnos e contra quen debemos manifestarnos é contra ti.

Comentarios