Opinión

Sen roubar nin exotizar

O outro día na estación de Vigo vin un anuncio dun "holi", unha carreira que se celebra mentres á xente lle botan enriba pos de cores por "imitación" dunha celebración de certos lugares da India. Logo a xente di non entender iso da "apropiación cultural" (pode seguir á poeta Yaminisintilde no Instagram, que o explica moi ben). Non sei que lle parecería a unha persoa cristiá crente que alguén en, por dicir algo, Xapón, fixese un concurso de crossfit levando aos ombreiros un Cristo crucificado por acó. Como mínimo, ridículo.

O pensamento colonial ensina que todo o dxs demais é noso para facer o que nos pareza menos coñecer dende a empatía, a contextualización e o detalle (o "holi" é un festival relixioso hindú que se celebra principalmente no norte do país, non atinxe ás persoas indias doutras relixións ou lugares). O noso é intocable e o exemplo de "cultura", "civilización" e "dereitos". A apropiación e o imperialismo cultural son dúas caras da mesma moeda.

Estes días cadroume estar en Madrid, a min que endexamais me interesou ir a Chueca nin moito menos os desfiles madrileños. Reivindicar e celebrar está moi ben, mais o problema xeral destas cousas é que acabamos importando unha serie de modelos que rara vez teñen que ver co substrato no que moitas fomos criadas. Eses modelos que "viaxan" adoitan ser aqueles marcados polo capitalismo, os que nos cobran por unha experiencia "exótica" ou os que nos venden gratis a idea de que noutros lugares a xente é máis avanzada (por exemplo, en Nova York ou en Madrid). Destas cuestións teñen escrito de xeito totalmente reparador Daniela Ferrández ou Danny Barreto.

Fronte ao consumo, se cadra o único que pode salvarnos é a memoria. O traballo que fan persoas como Eva Mejuto e todo o equipo do programa Memoria diversa, por exemplo, é clave para entender as vidas das que naceron e traballaron dende as nosas culturas propias, as nosas linguas, para darnos raíz e alimento.

Onte recibín un convite das bibliotecas de Córdoba, algo que na vida se me pasara pola cabeza, para pedirme un vídeo neste mes do Orgullo. No seu correo explican que o Orgullo empezou en Stonewall e que por iso se celebra. Abofé que eu, dende Galicia, teño só unha mensaxe que transmitir á mocidade que me vaia escoitar: buscade as vosas vellas. Sen roubar nin exotizar. Coa man tendida dende as súas vidas ata as nosas, porque ese será o único orgullo que importe.

Comentarios