Opinión

En Madrid dixitalizan mellor

Na semana pasada, o BNG logrou un acordo no Congreso para a cesión da Crónica Troiana a Galiza, un manuscrito que é proba viva da importancia e peso que o galego tivo na Idade Media. Na Comisión de Cultura do Congreso, a deputada do Partido Popular Marta González Vázquez tivo unha intervención na que di que esa petición, de Néstor Rego, é anacrónica. "Non importa onde estea fisicamente o patrimonio porque hoxe pode ser accesible desde calquera lugar do mundo". E se non importa onde estea por que non pode estar en Galiza este texto encargado por un galego e escrito por un galego? Iso non o explica a deputada galega. Será que en Madrid preservan e dixitalizan mellor. Vamos, que poderían vir polo Pórtico da Gloria para poñer na Cibeles e xa logo sería accesible para todo o mundo a través de Youtube.

Precisamos políticas públicas que actúen na defensa dos intereses xerais para que as numerosas obras do noso patrimonio que hoxe están espalladas polo mundo e das que aquí non podemos gozar nunca (agás en contadísimas exposicións temporais), puidesen permanecer en Galiza, desde a Biblia de Kennicott (chamada tamén Biblia da Coruña), ao pergamiño Vindel. Non poder gozar das pezas orixinais é para nós unha pobreza e colócanos nunha posición subalterna e colonial. Nin sequera é certo que calquera pode acceder desde calquera lugar… Onde podemos ver as tres lápidas hebreas da Palloza? Dígovolo eu, en ningunha parte. Están no Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid, claro, xa sabedes, os que mellor dixitalizan e conservan, mais conservan tan ben que non están expostas, senón gardadas no almacén. Cando se abriu o Museo Sefardí de Toledo fixeron unha réplica e foron expostas durante un tempo, mais agora prima a exposición de obxectos orixinais e as tres reproducións tamén están gardadas nos almacéns.

Xa o sabedes, se vos gustase que volvese a Galiza aquilo que nunca debeu saír de aquí e que outros teñen porque mercaron ou lles foron "doadas", para o PP sodes uns anacrónicos.

Comentarios