Opinión

Os médicos non enferman

Comecei o 2023 gozando duns poucos días de descanso que dediquei ás miñas e aos meus nunha illa a dous quilómetros do continente. Ás veces é necesario parar para coller distancia e perspectiva das cousas e dar a mellor versión dun mesmo ao regresar ao traballo. Na medicina está demostrado que a sobrecarga asistencial e as xornadas maratonianas, que son a norma no Sergas, atentan contra os profesionais sanitarios, alimentan a "síndrome de burnout" e van en detrimento das prestacións que podemos ofrecerlle ás nosas doentes amplificando os nosos erros.

Durante os días de asueto na Arousa encadeei unha caída mentres corría pola costa cunha amigdalite. A primeira deixoume contusións varias e un pouco eivado, polo que tiven que empregar algún antiinflamatorio, e a segunda obrigoume a refuxiarme nas ensinanzas de Fleming e tirar de antibiótico. Ningunha das dúas me impediu gozar do lecer mais lembroume o escoitado nalgunhas ocasións fóra e dentro dun Centro de Saúde e tamén a miña resposta; "vós nunca estades mal", "que saibamos como tratar algún proceso non significa que non pasemos por el".

Segundo un informe do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos do Estado, o 90% dos facultativos que caen enfermos automedícanse completando ás veces este proceder con algún comentario informal "de corredor" con outros doutores. O campo da saúde mental é o noso talón de Aquiles dentro das diferentes patoloxías, un 20% dos residentes trátase con ansiolíticos sen ningún tipo de valoración por outro compañeiro. Amosamos así a dificultade que temos para vernos no "outro lado da mesa" da consulta despois de ter recibida moita formación para diagnosticar ou tratar á xente e pouca para exercer os coidados cun mesmo. Tamén cando acudimos a traballar estando malos e asumimos algúns riscos que non lle recomendaríamos a outros, xustificando este proceder nunha responsabilidade irresponsable.

En definitiva e agás excepcións, estigmatizamos a enfermidade que dicimos curar, percibindo esta en nós mesmos máis ben como unha fraqueza que como unha fonte de experiencia. Para ser bos doutores alguén debera ensinarnos antes a ser mellores pacientes.

Comentarios