Opinión

O amor

Parado no semáforo da rotonda reparo na iluminación da gasolineira. No tellado da mesma, un reno sostense nas súas patas dianteiras encarando dous coches que semellan frear en seco diante do animal. No pé da escena, agochado entre os adornos, intúese o desexo dun Bo Nadal. Aínda non son as 8 da mañá e hoxe toca quenda de sábado nun centro de saúde a carón da estación de tren e autobuses, coñecida na cidade como "intermodal". Detrás da pasarela cuberta adivíñase un abrente que en tons laranxas anuncia frío e ausencia de choiva.

Na distribución da xornada tócame a terceira columna. Son o encargado de acudir aos domicilios e ás saídas en vía pública e tamén de reforzar as compañeiras que nas consultas atenden as urxencias, fillas dunha atención primaria colapsada. Comezo o día exercendo co apoio da enfermería de notario da morte dun home de avanzada idade nunha vivenda do centro, asistencia que repito a media mañá coa marcha dunha muller no norte de Compostela. Un non é quen de afacerse a testar a ausencia de vida cando estudou para preservar a saúde, máis esa sensación de anguria é menor cando constato a tranquilidade da familia que acompaña e a percepción da "vida vivida" dos que parten. Nas cómodas dos dormitorios onde asino os certificados das funerarias habitan como testemuñas as fotos dun pasado con sorrisos.

A mañá transcorre percorrendo un concello que vai máis aló da súa Catedral e chega a un rural que sinala no contador do taxímetro 44 quilómetros; "dixéronnos que non o leváramos outra vez ao hospital, xa que non había nada que facer co seu cancro de páncreas. Tan só queremos que non pase dor". A xeira remata cunha solicitude de asistencia dunha residencia de maiores. "Precisamos valoración dun ingresado, tan só temos médico os martes e os xoves e atópase con moita dificultade respiratoria". Cando chegamos ao lugar non hai facultativo nin enfermeiro. Rodeados de auxiliares intentamos aliviar a procura de aire de quen está a marchar.

Xa é tarde para comer cando aterro na casa, empresto sorrisos diante da rapazada e poño cara de "joker". Demudado recibo unha aperta da poeta e nai das miñas fillas que sentenza: non esquezas o que escribiu Agustín Fernández Paz, "o único que queda é o amor".

Comentarios