Opinión

Cálculo das pensións

Está a espertar gran polémica o anuncio do acordo entre o Goberno español e a Unión Europea que condiciona a recepción de fondos a unha serie de axustes entre os que se atopa o da reformulación do cálculo das pensións alongando o período de cómputo, algo que non é novo, pois xa se fixo noutras ocasións. A cuestión ten difícil solución, pois se se quere manter un sistema como o actual sen facer recortes só caben dúas solucións: pagar menos de pensións ou subir impostos a quen xa traballa ou ao conxunto da poboación. Supoño que optarán polas dúas medidas á vez para tentar repartir os custos, pero do que se trata é de disimular as medidas para evitar a previsíbel contestación. 

No caso do recorte das pensións optouse tradicionalmente por formas opacas e escuras como xogar cun estraño factor de sostibilidade (non vin ninguén explicar con claridade en que consistía) ou coa revalorización por debaixo do IPC para que a maxia do interese composto fixese o seu traballo. As presións políticas dos socios do actual Goberno e as súas propias necesidades electorais fixeron que estas solucións fosen aparcadas e terán que optar polas opcións que quedan: atrasar a idade de xubilación e dificultar as xubilacións anticipadas (lembremos que un atraso de dous anos cunha media de supervivencia de vinte anos dende que comeza a prestación equivale a un recorte dun 10% a efectos fiscais) ou mudar as regras de cómputo das mesmas, ben alongando o cálculo a toda a vida laboral (entre un 6 e un 9% de recorte da masa de gasto) ben cambiando os coeficientes de cálculo na ecuación que determina a prestación.

A outra opción é subir as cotizacións aos traballadores (e digo traballadores e non empresas porque en última instancia quen asume o custo son os traballadores vendo reducidos seus salarios), como parece que se vai facer, e tamén as rendas máis altas a través do famoso destope, máis popular pero con escasa capacidade de recadación. Tamén poden subirse outros impostos para financialas, e o que ten máis boletos para gañar sería sen dúbida o IVE ou impostos especiais ao consumo, pero esta solución ten o problema de que afecta o nivel de vida dos propios pensionistas, e parece mal negocio subir as pensións para logo recortarllas na cesta da compra.

E en vez de explicarlle á cidadanía que é o que acontece e que non hai solucións máxicas óptase sempre por buscar solucións enrevesadas que disimulen ou repartan o dano pero sen que solucionen o problema. E este é grave e vén do propio deseño do sistema.

Optouse por un sistema de reparto, considerando que a demografía ou os hábitos de vida ían ser sempre como os de 966, que é cando comeza o actual sistema, e estes mudaron muito. A porcentaxe de poboación activa redúcese pola menor puxanza demográfica, e estes teñen que soster co seu traballo a cada vez máis pasivos (no linguaxe técnico) incluídas crianzas e mozos estudantes e os gastos derivados en saúde, dependencia e educación, durante cada vez máis tempo. A carga sobre estes é cada vez maior con salarios reais e o que é peor cunhas perspectivas de que non vai ir a mellor, pois o número de pensionistas vai ir a máis pola entrada no número dos pasivos dos famosos baby boomer e sen que haxa unha posibilidade fácil de incrementar o número de activos. Aínda con pleno emprego, se ben o problema sería aliviado en parte, seguirían sen chegar. 

A pesar do que moitas veces se escoita, o sistema non vai quebrar, diso non teño dúbida ningunha, mais tampouco a teño de que o sistema non vai ser o mesmo. Pero que lle custa dicirlle á poboación o que está a pasar? Se as cousas se saben e comprenden é máis doado tomar medidas e buscar solucións non demagóxicas e a xente aceptaraas mellor.

Comentarios