Opinión

Impotencia

A dous anos das boicoteadas –polo Reino Unido– conversas de paz de Estambul sobre o multi-conflito do Leste, cómpre valorar a situación en panorámica: a subministración multimillonaria de armamentos a Kiev non tivo o efecto prometido; nin carros de combate Leopard, Abrams ou Challenger nin, como é previsible, tampouco terán os cazas tácticos F-16. Os sistemas de defensa estadounidenses Patriot resultan bastante ineficaces contra a avanzada misilística e tecnoloxía de guerra electrónica rusa. 
As baixas nas forzas armadas ucraínas son incontables entre falecidos, feridos e desaparecidos, estimándose moi inferiores as da contra-parte. O paquete sancionador robusteceu a economía rusa, lastrando a comunitaria –especialmente a industria xermana– e, globalmente, hoxe o réxime ucraíno atópase nunha substantiva peor posición do que en marzo do 2022. 

A nivel político Vladimir Putin está fortalecido internamente mentres Zelenski entra nunha fase crítica de lexitimidade ao suspender as eleccións presidenciais, evidenciándose tensións coa cúpula militar e disensións coa comunidade de intelixencia. O exército ruso incrementa progresivamente capacidades, introducindo armamento máis pesado e sofisticado ademais de acumulación de tropa mellor cualificada. Ucraína sofre escaseza de "man de obra" e de oficiais, atopando severas dificultades de reposición. Non é viable como estado sen a enorme asistencia financeira externa que non garanten todos os socios no medio prazo.

Rusia fabrica e gasta varias veces máis munición da que é capaz de facelo a OTAN conxuntamente coa actual estrutura industrial e, polo tanto, ademais da "desmilitarización" anunciada prodúcese un desabastecemento de arsenais occidentais. Encadraríase aquí a cerna das apelacións "existenciais" ao "rearme" e que algúns dirixentes europeos consideren enviar tropas terrestres ao teatro de operacións, o que incrementaría os riscos dunha conflagración de consecuencias máis destrutivas: e tamén o grave episodio de guerra asimétrica en Moscova.