Opinión

Laboratorios

A pandemia inaugurou un tempo de normalización da necro-política como forma lexitimada de goberno: a morte en masa por epidemia ou desatención dos poderes públicos no exercicio do "deber de socorro"  (USA, Reino Unido, Brasil, Madrid...) deu paso a alteracións psíquicas que experimentaron un verdadeiro salto cualitativo co inmediato regreso da guerra industrial ao corazón de Europa. A situación agravouse coa impasibilidade xeneralizada diante da violación paroxística do dereito internacional e do ataque á Humanidade e ao código de valores herdados da fin da Segunda Guerra Mundial, manifestado nos horrendos e sistemáticos xenocidio e infanticidio palestino. Gaza é un laboratorio experimental do asasinato indiscriminado e da limpeza étnica, mais tamén do hiper-tecnificado asasinato selectivo mediante uso da intelixencia artificial: xornalistas, voluntarios humanitarios ou médicos son albo predilecto da maquinaria de guerra futurista do exército israelí. O programa 'O Evanxeo' selecciona obxectivos específicos a través dun complexo sistema de recopilación e procesamento de datos: cen obxectivos diarios con información proporcionada por drons, telefonía ou espías sobre o terreo. Morte sumarísima e sen xuízo. A fría máquina investiga, xulga e executa. Así, non hai responsables.

Outro laboratorio experimental botou a andar na Arxentina: o modelo económico-social decimonónico, darwinista e neototalitario desatou xa a guerra de clases cun horizonte de "lei da selva" e caotización socioeconómica que semella procurar unha saída militarizada. Unha sociedade que ama a psicanálise e a Lacan escolleu un irracionalista antipolítico que, xunto á vella casta macrista, reproduciu en poucos días a distopía dickensiana e represiva como modelo exportable. Arxentina e Gaza: a fusión de ambos experimentos é o soño húmido das clases dominantes para o século XXI. E non o agochan: as (ultra)dereitas españolas, admiradoras declaradas e desacomplexadas de Milei e de Netanyahu, tampouco.

Comentarios