Opinión

Plan Cóndor 2.0

Continúa a execución impune dunha orxía colonizadora e de conquista no Mediterráneo Oriental: bombardeos, fusilamentos sumarísimos, foxas comúns, espolio e metódico exterminio mediante tecnoloxía punta son práctica cotiá do Exército israelí nos últimos sete meses co respaldo entusiasta do mundo civilizado. Na contorna do heartland mantense activo o longamente preparado e provocado choque bélico entre forzas subsidiarias occidentais e a restablecida potencia euro-asiática rusa. Mais non son os únicos escenarios onde o imperialismo intensifica a presión na procura de maior dominación: as tensións en Asia-Pacífico –a través de Filipinas, Taiwán ou a fortalecida alianza Aukus– maniféstanse á par da rebelión dalgúns Estados subsaharianos como Níxer, Burkina Faso ou Senegal, que decidiron tentar desprenderse do neocolonialismo francés; en América do Sur xéstase unha versión actualizada da campaña de intervencionismo estadounidense desatada durante dúas décadas (1975-1990s) pola doutrina de seguridade nacional da época, desenvolvendo toda caste de actividades –terrorismo de Estado, promoción de ditaduras militares, derrocamento de gobernos e magnicidios, desaparicións e represión de movementos populares…– encamiñadas ao control efectivo do conxunto da rexión. 

Encadramos aí o episodio de asalto á embaixada mexicana no Ecuador así como a promoción do peón anarco-liberal e sionista arxentino, trocado xa nun foco de perturbación –enfrontado a Colombia, Venezuela ou Brasil– que vén de ceder a instalación dunha base naval gringa na Patagonia. O acto presentouse xunto á xefa do Comando Sur Laura Richardson, a cal en xaneiro do 2023 declaraba estar interesada no "triángulo do litio" –Arxentina, Bolivia, Chile–, nos recursos venezolanos e na auga doce do Amazonas. A militar de alto rango afirma: "É só cuestión de tempo que o fentanilo se converta nunha epidemia en América Latina". Semella que existe un silente novo "plan de democracia e liberdade" para o patio traseiro.

Comentarios