De seguro que a estas alturas moitas e moitos estaredes fartas e fartos de ler e escoitar opinións arredor da aperta de Luna, a voluntaria da Cruz Vermella a un migrante en Ceuta que ilustra a desesperación e sempiterna inxustiza Norte Sur.
O deplorábel ataque que esta moza de 20 anos sufriu representa o mellorciño dunha sociedade pútrida, unha mistura de xenofobia e machismo que hai tempo que vén manifestándose impunemente e con total normalidade na nosa sociedade.
Luna tivo que pechar as súas redes sociais asolagadas de odio, as mesmas redes onde a ultradereita expande a súa mensaxe tan campante.
A ignorancia e o rancor son ousados e aínda que moitas e moitos respostamos agradecendo a empatía de Luna, non podemos deixar de ser combatentes con estas manifestacións fascistas e machistas.
Porque si, amigas, que Luna sexa diana desta xente ten moito que ver tamén coa sociedade machista e patriarcal que nos arrodea!
Oxalá poder estar como tantas voluntarias estes días en Ceuta para aloumiñar as nenas e nenos, mulleres e homes migrantes que chegaron fuxindo da miseria, das guerras e dun futuro incerto. Unha das reporteiras coas que traballo escribiume desesperada unha mensaxe porque tiña tanta pena de ver estes menores co frío e a fame no corpo que non foi capaz de probar bocado en dous días.
Luna estuda un Grao en Integración Social e está de prácticas en Ceuta, Luna é o mellor exemplo da ofensiva da ultradereita, o acoso que recibiu non é algo anecdótico.
Luna é unha muller acosada pola súa humanidade e por ser iso tamén, unha muller. Todo nunha semana con seis vítimas da violencia machista. Imaxinades unha semana na que asasinan a cinco alcaldes, a cinco artistas ou a cinco algo? Calquera cousa semella máis importante que a nosas vidas. Insoportábel!