Opinión

Recordatorio: os bulos de Núñez Feixoo

Hai termos na teoría política que perviven porque axudan a entender e valorar criticamente a realidade. Falamos da "banalidade do mal" como actitude cidadá que procura a obediencia acrIticamente das ordes do poder, sen analizar os medios utilizados e as consecuencias para alcanzar un fin inxusto, inmoral. Falar da banalidade do mal é falar de crear falsas verdades, falar de crear unha realidade que, axudada por medios de comunicación comprados, muda nun estado de opinión manipulábel, influenciábel dende o poder. Por exemplo, nas municipais, onde o PP falou de ETA-Bildu, compra de votos, deslexitimando o sistema, do sanchismo… Nada dos problemas da veciñanza e alternativas. Núñez Feixoo é experto en bulos na guerra sucia política. Deixou a presidencia de Correos para axudar a Fraga. Nas eleccións do 2005 xa puña en dúbida o voto por correo que viña das Américas, Venezuela, Uruguay, Arxentina. Voto conquistado por Fraga. E pedía custodialo de Barajas até as xuntas provinciais electorais. Perde as eleccións Fraga e constrúe a imaxe de Pérez Touriño dilapidador (coche blindado, reforma de despacho…) e de Quintana maltratador. Un escano perdido na Coruña lévao á presidencia da Xunta no 2009. El País publica fotos das viaxes e do barco do narco Marcial Dorado con Feixoo, dono das gasolineiras que subministran carburantes a hospitais e ambulancias dependentes da Consellería de Sanidade da que el é Secretario Xeral ao mesmo tempo que abastece a lanzadeiras e camións da droga. Pero el non sabe nada disto. Aos catro días a Xunta da 900.000 euros á prensa. En funcións, tiran os cartos na faraónica e sen función Cidade da Cultura, capricho de Fraga. Hoxe o seu mandato político depende dos pactos con VOX. Pretende adialos, mais sabe que os necesita. Tócalle naturalizalos, como se fose un pacto natural normalizar a extrema dereita. Ayuso xa permite pactar con eles.

Na Galiza sabemos dos seus métodos sucios. Hai que exixir ás persoas candidatas que se comprometan coas necesidades da Galiza. Solucións contra a eólica colonizadora, a favor da pesca, da industrialización, do agro, dos montes e da lingua e cultura.

Atención. Non banalicemos o mal. Non aos bulos para gañar nas eleccións.

Comentarios