A advertencia da emigración galega: "A Xunta debería protexer o patrimonio cultural galego na Arxentina"

Descendentes de galegas e galegos na capital arxentina realizan roteiros visitando as obras máis importantes do exilio e a emigración para coñecer e ver o seu estado de conservación.
Mural 'Figuras femininas', de Luís Seoane, situado na avenida Corrientes de Bos Aires, Arxentina (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mural 'Figuras femininas', de Luís Seoane, situado na avenida Corrientes de Bos Aires, Arxentina. (Foto: Nós Diario).

“Sería xusto que as autoridades da Xunta da Galiza defenderan o patrimonio con máis forza porque a cultura galega merece ser protexida”. Esta petición de auxilio procede de Bos Aires, a capital da Arxentina, onde aínda hoxe sobrevive unha boa parte das obras que o exilio e a emigración deixou nese país.

Trátase do chamamento dun colectivo de emigrantes e descendentes de emigrantes que en decembro de 2023 comezaron unha iniciativa para coñecer e pór ao día a situación da numerosa produción de persoeiros como Luís Seoane, Fracisco Asorei, Isaac Díaz Pardo ou Manuel Colmeiro nese país.

Trátase do 'Camiño do inmigrante', unha ruta aberta ao público en xeral que realizan nunha xornada para visitar lugares significativos para a Galiza emigrante na Arxentina.

A portavoz do colectivo, Valeria Crespo, explica a Nós Diario que a cultura galega en Bos Aires “é moi importante porque a presenza galega desde comezos do século XX fíxose sentir na vida cotiá e tamén nas artes”.

A través desta primeira experiencia, e dunha segunda que realizaron en abril deste ano, comprobaron que a maior parte do patrimonio galego visíbel na vía pública non estaba en bo estado de conservación. “Descubrimos con dor que moitos dos murais que se conservan de Luís Seoane están descoidados por estar situados en propiedades privadas”, lamenta Valeria.

Pon como exemplo “o caso do mural 'Figuras femininas', situado na avenida Corrientes, nun aparcadoiro, á vista dos transeúntes, que non esta coidado”. Para ela e para todo o colectivo “é unha mágoa ver que non hai un intento de preservación da bagaxe cultural que galegos ilustres deixaron en noso pais”.

O colectivo nas redes

“Nós somos un colectivo de galegas e galegos, fillas e netos da Galiza emigrante que compartimos o amor pola cultura dos nosos devanceiros, e que estamos preocupados pola preservación desta herdanza”, asegura a Nós Diario Valeria.

O interese polo patrimonio galego en Bos Aires fixo que compartiran nun grupo de Facebook a experiencia. “Moita sorpresa tivemos cando descubrimos o mural titulado 'Homenaxe a Guamán Poma de Ayala', tamén de Luís Seoane, nunha galería agochada no centro de Bos Aires, fechada aos ollos dos camiñantes”, lembra Valeria.

O colectivo xa está preparando a seguinte ruta que agardan poder realizar despois do mes de xullo.

Comentarios