Ducias de estudantes continúan acampados na facultade de Xeografía e Historia da USC en solidariedade co pobo palestino desde o pasado 14 de maio, despois de acordar en asemblea ese mesmo día iniciar esta acción de protesta como boicot académico ao Estado sionista.
Esta fin de semana o estudantado que participa na protesta explicou en rolda de prensa que a súa acción ten como obxectivo “a urxencia de recoñecer o xenocidio do Estado Sionista sobre o pobo palestino” e “a exixencia de alto ao fogo inmediato e permanente, permitíndose todas as intervencións humanitarias necesarias e o fin do bloqueo ilegal”. Aseguran, ademais, que a protesta "é aberta" e non só participan estudantes, senón persoas e colectivos "afíns á causa palestina".
Demandan “pór fin a calquera fórmula de colaboración con todas as universidades, institucións académicas, empresas e centros asociados públicos ou privados israelís” recoñecendo e defendendo “os dereitos do pobo palestino, que existen alén do dereito internacional, e que son sistemáticamente violados por Israel coa complicidade e inacción da Comunidade Internacional, como o dereito de autodeterminación do pobo palestino do río até o mar”.
Por este motivo, exixen “romper as relacións diplomáticas con Israel, así como a solicitar a suspensión do Acordo de Asociación UE-Israel” ademais de “destinar os recursos económicos do gasto das colaboracións institucionais con Israel e do rearme armamentístico no gasto social”.
Así mesmo expresan “unha condena pública da represión que se está a producir contra as manifestacións de solidariedade co pobo palestino” e piden “retirar calquera tipo de premio ou recoñecemento a persoas académicas e figuras públicas sionistas”. Neste sentido entenden que a USC “debe visibilizar o apoio público á causa Palestina a través de diferentes accións simbólicas”.
Papel das universidades
“As universidades están xogando un papel de inacción e complicidade nesta situación”, asegurou un portavoz da asemblea do feche na facultade de Xeografía e Historia, “neste caso a USC, financiada por un Goberno español que está tolerando o xenocidio palestino, tamén é complice deste proceso”, engadiu.
Poñen como exemplo que na universidade compostelá hai, na actualidade, “relacións académicas con empresarios israelies e tamén trece proxectos en activo con universidades de Israel”. Ademais, denuncian que hai “liñas de financiamento e contratación específicas ou a outorgación de premios honoríficos a persoas abertamente sionistas”. Un destes casos, para a asemblea, é o recoñecemento da USC este pasado decembro á filósofa “abertamente sionista” Martha C. Nussbaum.
Ante esta situación, aclaran que a reacción estudantil na USC foi “erguerse contra o xenocidio” e anuncian “coordinación con outras universidades e acampadas para reforzar o noso impacto global atendendo ás particularidades do noso contexto galego”.
A través dun manifesto, unha das portavoces indicou que exixen “pór fin a calquera fórmula de colaboración coas universidades, institucións académicas, empresas e centros asociados israelís polo seu apoio ao xenocidio”.
A asemblea entende por colaboración “conferencias, a publicación de artigos en revistas científicas israelís, participar en tribunais de teses de doutoramento de Israel ou en proxectos de ivestigación”.
O estudantado en feche sinala que este boicot “deberá manterse até que as universidades israelís recoñezan os dereitos do pobo palestino e poñan fin á súa complicidade coa violación destes dereit
No manifesto, entre outras demandas, figura “a suspensión de acordos comerciais con empresas que financien a industria armamentística implicadas no xenocidio en Gaza”, neste caso apuntan ao acordo da USC co Banco Santander. Ademais, demandan información de proveedores israelís cos que a universidade compostelá ten acordos.
Por último, a asemblea da USC pide que se teña en conta “o dereito á autodeterminación do pobo palestino” e o “dereito ao retorno ás súas casas de máis de sete millóns de persoas palestinas refuxiadas”.