Opinión

A lingua, viva

"Hoxe contemplamos este concepto como unha coartada ideolóxica empregada polos gobernos populares para frear ou, simplemente, para non favorecer o proceso de revitalización da lingua galega". Esta afirmación acompaña a análise da política lingüística realizada ao abeiro do bilingüismo harmónico. É un artigo de 2009: "A situación actual da lingua galega: unha ollada desde a sociolingüística e a política lingüística", que recolle tamén que o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004 "constitúe unha valiosa 'folla de ruta', que permitirá camiñar nunha dirección adecuada sexa cal sexa o goberno". Hoxe podemos dicir que, talvez por iso, cando os gobernos populares retornan á Xunta, desbotan o PXNL. O artigo fala de aspectos positivos, ampliación dos ámbitos, aumento das persoas que escriben e len en galego, incremento dos dereitos dos falantes (?); e aspectos negativos, problemas de uso entre a mocidade, mantemento dos prexuízos, perda de espazos... até fechar o artigo sinalando que hai elementos que "indican ben ás claras a fraxilidade dun proceso recuperador con serias limitacións".

Ten o seu aquel lermos estas palabras escritas por quen se converteu, nese mesmo 2009, nun dos máximos defensores dun Decreto de Plurilingüismo que non favoreceu "o proceso de revitalización da lingua". Aquí estamos vinte anos despois, cuns datos que poñen en evidencia a política lingüística implantada en 2010 polos mesmos que, agora, falan dun Plan estratéxico para a Cultura galega, mentres negan a realidade co seu "modelo integrador no que cabemos todos e non confrontamos con ninguén", que é o mesmo que dicir que queren deixar todo como está e non restarlle espazos ao español, algo que, é evidente, vai impedir si ou si que o galego se recupere e avance nos seus usos. Saben o que fan.

Por iso volvemos onte a Compostela, para amosar que a lingua se reclama viva e pórlles diante o espello que demostra cales son as súas intencións.

Comentarios