Un accidente con varios coches implicados na A-55 en Mos provoca retencións na entrada a Vigo

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).

Un accidente múltiple, con polo menos catro coches implicados, ocorrido na A-55 á altura de Mos (comarca de Vigo) provoca retencións na entrada a Vigo. Segundo informan a Europa Press fontes do 112 Galiza, ocorreu sobre as 14:20 horas e varios particulares chamaron para alertar dunha colisión múltiple por alcance no quilómetro 14 da A-55. De acordo con datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), este sinistro non chegou a provocar o corte da circulación, pero si retencións ao retardar o paso dos coches.