Arrestado o dono dun bar en Cariño que tiña escondidos na cisterna do váter 263 gramos de cocaína

A cocaína comisada pola Garda Civil en Cariño.
A Garda Civil detivo un home en Cariño (Ortegal) que tiña escondida na cisterna do váter do almacén do seu estabelecemento hostaleiro unha bolsa hermética que contiña 263 gramos de cocaína. Segundo informou esta cuarta feira o corpo policial, axentes da Garda Civil de Ortigueira, en colaboración con membros do corpo en Ferrol, executaron un operativo que derivou no arresto deste home, investigado por un delito contra a saúde pública. As denuncias veciñais sobre a actividade delituosa que supostamente este individuo levaba a cabo desde o seu bar motivou a apertura dunha investigación que motivou a inspección do negocio. No almacén do local, que dispuña dun circuíto fechado de vixilancia por cámaras, gardas civís localizaron 7,64 gramos de haxix e distintos obxectos relacionados coa manipulación de estupefacientes para a súa venda. Nesa mesma estancia, os axentes atoparon escondida na cisterna do váter do baño unha bolsa fechada de forma hermética que contiña 263 gramos de cocaína.