Asinado o convenio Dépor-Concello

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei (Foto: Andy Pérez).
Rematou o 'culebrón' pola extensión do convenio que une o Real Club Deportivo co Concello da Coruña, que ten a regulación dos usos do estadio de Riazor como eixo central e que enfrontou ambas as entidades ao longo das últimas semanas. O presidente branquiazul, Álvaro García Diéguez, e a alcaldesa herculina, Inés Rei, asinaron esta sexta feira un pacto que suporá a cesión gratuíta do recinto no que o conxunto deportivista xoga os seus partidos como local desde 1944 durante outros 25 anos. Ademais, no texto indícase que o Concello poderá dispor de Riazor para usos "extradeportivos" sempre que sexa "compatíbel cos compromisos derivados das competicións oficiais do Dépor", o que significa que macro eventos como concertos de música poderían ter lugar alí no futuro.