Auriense e Fillos de Breogán, campioas da Liga Galega de Fútbol Gaélico

As ourensás de Auriense conquistaron a súa primeira Liga Galega. (Foto: Futgal).
A Liga Galega de Fútbol Gaélico baixou o pano da tempada coroando os seus novos campións. 'Novo', claro, no caso da categoría feminina, porque na masculina continúa o dominio de Fillos de Breogán. A formación herculina conquistou o seu quinto título consecutivo após superar na finalísima a Estrela Vermelha por 44-14, igualando así aos composteláns no palmarés. Con todo, aínda queda pendente de xogar o partido polo terceiro posto, programado o 6 de abril en Vigo, coincidindo co Torneo Reconquista, entre Keltoi e Auriense. Polo contrario, na categoría feminina si que houbo novidades, pois as ourensás de Auriense gañaron a súa primeira Liga -sen contar a de 2020, na que formou parte dun combinado con máis equipos- vencendo as vixentes campioas, Turonia, por un resultado de 30 a 20.