Borja San Ramón anuncia que non seguirá á fronte de Podemos na Galiza

O coordinador de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, anunciou este domingo no Consello Cidadán Galego que non se presentará ao próximo congreso da formación e mostrou a súa aposta por Isabel Faraldo, candidata á presidencia da Xunta nos pasados comicios galegos do 18 de febreiro. Nunha nota de prensa, Podemos detallou que o actual líder da formación destacou que hai "unha aposta clara por darlle continuidade ao traballo político comezado por esta dirección na campaña electoral e desenvolver un proxecto do que Isabel Faraldo é a principal cara visíbel". Nesta liña, puxo en valor o "magnífico papel que fixo Isabel no debate da CRTVG" e a necesidade de "visibilizar a súa figura para poder desenvolver e darlle estabilidade a un proxecto" que "devolva" a Podemos ás institucións galegas. Así, desde a formación violeta quixeron recalcar tamén que é o momento de "dar estabilidade e reforzar a organización" para "poder abrir un ciclo político que permita que o partido traballe en liña co rumbo tomado".