O Burela visita a casa do segundo na liga de fútbol sala

As guerreiras laranxas desprázanse até Melilla. (Foto: Burela).
Duelo de poder a poder na Primeira División de Fútbol Sala Feminino, a categoría estatal con maior peso da representación galega -que ascende a 40%- pois o líder, Pescados Rubén Burela, visita o segundo clasificado, Melilla, ás 16.30 horas do día sábado. Media hora máis tarde, ás 17, será a quenda do Marín Futsal, que recibe na súa casa outro conxunto da zona alta, Arriva Alcorcón. Xa ás 18 o Viaxes Amarelle da Coruña aspira a aumentar a distancia sobre un descenso que marca o Marín superando en Murcia un STV Roldán que non está ofrecendo o rendemento de tempadas anteriores. Paralelamente, e a pouca distancia de alí, o Alcantarilla murciano pon a proba o sorprendente FSF Castro tamén ás 18. E, finalmente, o derbi Ourense-Poio baixa a persiana ás 19.30 horas no Paco Paz.